Política | Actualidad

Debate moi intenso dos candidatos á alcaldía de Vimianzo

Dende o primeiro momento os tres candidatos cruzaron acusación sobre a xestión nos distintos gobernos nos que participaron

O candidato do BNG Benxamín Queiro non perdeu o tempo e iniciou o debate acusando ao actual tenente de alcalde de ocupar ilegalmente un terreo. O candidato popular José Manuel Rodríguez “Roque” acusou ao actual goberno de non limpar e manter as estradas e as parroquias. A alcaldesa e candidata socialista Mónica Rodríguez apuntou ao anterior goberno asegurando que deixaran o concello feito un desastre.

No apartado de benestar tivo lugar o momento máis tenso, Queiro recriminoulle á alcaldesa que durante a pandemia suspendera o servizo de Atención a domicilio, algo que ela negou, pero o candidato nacionalista insistiu amosando unha resolución de alcaldía suspendendo o servizo do SAF. Mónica Rodríguez insistiu en que so se deixou de atender ás familias que o solicitaron por cuestión de seguridade sanitaria.

O debate continuou abordando temas como o urbanismo, a economía ou o emprego. Roque quiso deixar claro a necesidade de ter PXOM e criticou as dificultades que teñen os emprendedores para obter licencias para iniciar os seus negocios. Tamén advertiu sobre a falta de mantemento do Castelo e a necesidade de abrir a oficina bancaria en Baiñas. Tamén o candidato nacionalista, destacou a necesidade de recuperar esa oficina bancaria, así como de impulsar a economía na segunda parroquia do concello.

A candidata do PSOE defendeuse das acusacións de falta de mantemento enumerando obras que se fixeron nestes últimos anos e acusando ao goberno anterior de ter abandonado o concello durante oito anos.

Con respecto a posibles pactos, o candidato do BNG está aberto a falar con outras formación. O do PP está convencido de que pactarán as outras formacións e a candidata do PSOE asegura que non pactará.

O debate xa se pode escoitar e ver na canle de YouTube de Radio Nordés e na web radionordes.com

Mañá debaterán os candidatos de Carballo e o domingo Radio Nordés prepara unha programación especial para vivir a noite electoral con correspondentes en tódolos concellos da zona e unha mesa de análise na emisora.