O Partido Popular de Ponteceso acada un acordo co Partido Galego
Os populares precisan do apoio dun concelleiro máis para conseguir a investidura

Concello de Ponteceso / Google Maps

Ponteceso
Os resultados electorais de Ponteceso deixaron un panorama incerto. O empate a catro concelleiros de Partido Popular e PSOE outorgou a chave da alcaldía ao Partido Galego (2 edís) e BNG, APIN e Adiante por Ponteceso cun concelleiro cada un. Dende hai varias xornadas as conversas entre os partidos sucédense tentando superar reticencias, liñas vermellas e vetos persoais.
O primeiro movemento de importancia protagonizárono Partido Popular e Partido Galego. Ambas formacións asinaron un pacto para que o PG apoie ao candidato popular, José Manuel Mato. Deste xeito ambas formacións sumarían seis apoios e precisarían engadir un concelleiro máis para conseguir a investidura.
As olladas agora están nas formacións restantes: BNG, APIN e Adiante por Ponteceso. O acordo entre BNG e PP semella imposible tendo en conta a política de pactos dos nacionalistas, contrarios a facilitar as alcaldías aos candidatos populares. No tocante a Espazo Común-APIN e Adiante por Ponteceso, ambas organizacións teñen amosado a súa vontade de apartar da alcaldía ao candidato socialista Xosé Lois García Carballido. A chave da investidura de José Manuel Mato estaría agora en tentar convencer a algún destos edís.
PSOE
O Partido Socialista non permanece cruzado de brazos e nos últimos días diversos cargos a nivel provincial téñense desprazado a Ponteceso para encabezar as conversas coas outras formacións. Fontes do PSOE confesan a dificultade para manter a alcaldía sen sacrificar ao cabeza de lista, un Lois García Carballido que é o principal atranco para conseguir algún apoio na investidura.




