"De aquí non marcho ata que me solucionen o problema"
Un veciño de Cee rebélase no Hospital contra as listas de espera. Leva 5 meses agardando por unha proba

Hospital Virxe da Xunqueira / Sergas

Cee
Andrés Castro leva máis de cinco meses agardando por unha ecografía necesaria para determinar a doenza que padece. Esta mañán acudiu ao Hospital Virxe da Xunqueira a interpoñer unha reclamación na oficina no defensor do doente. Decidiu quedar dentro da mesma ata que lle realicen a proba, o que provocou que dende o centro sanitario desen aviso á Garda Civil para que depuxera a súa actitude. "Foron moi amables" manifestou Castro nos micrófonos de Radio Nordés, "só me indicaron que no nentorpcera o normal funcionamento do hospital" un requerimento que o doente aceptou sen problema.
Logo da súa protesta, Andrés Castro foi derivado a Urxencias, onde se lle efectuaron as primeiras probas médicas. Permanece no centro hospitalario á espera e asegura que non se moverá de alí "ata que me solucionen o problema. Polo menos quero saber o que teño".
Castro fixo un chamamento en Radio Nordés animando a tódalas persoas que se atopen en situación similar a que acudan ao hospital e, como fixen el, non marchen ata que se lle realicen as probas polas que levan agardando. Califica de "vergoña" os recortes sanitarios e denuncia a pasividade ante a situación de "desmantelamento do hospital ante a que ninguén fai nada".
Andrés abandonou o hospital coa ecografía feita e as probas médicas precisas para obter un diagnóstico e xa está na súa casa coa medicación necesaria.




