José Manuel Mato será o alcalde de Ponteceso
Adiante por Ponteceso apoiará na investidura ao candidato popular.
José Manuel Mato será o novo alcalde de Ponteceso / Google Maps
Ponteceso
José Manuel Mato será alcalde de Ponteceso a partir do sábado. Adiante por Ponteceso vai apoiar na sesión de investidura ao candidato popular que arrebata a alcaldía ao socialista Xosé Lois García Carballido. O PP obtén un apoio necesario para artellar unha maioría estable e recuperar unha alcaldía que perderan en 2015. Os populares xa asinaran un pacto de goberno co Partido Galego e suman agora á formación encabezada por Roberto Andrade, asegurándose os votos necesarios para a investidura.
No acordo asinado esta noite, Adiante por Ponteceso e Partido Popular acordaron dotar á vila dun centro de día onde ofrecer alternativas ás persoas da terceira idade. Ambas formacións mantiveron conversas ao longo das dúas últimas semanas. AxP tamén sentou á mesa dun PSOE que apartou a García Carballido da negociación, outorgando o liderado das conversas a Bernardo Fernández, secretario provincial, e Valentín González Formoso, secretario xeral dos socialistas galegos. Pese a ofrecer na mesa negociadora a cabeza de García Carballido, AxP decidiu finalmente apoiar a investidura de José Manuel Mato.
A corporación municipal pontecesá quedou fragmentada, con PSOE e PP con 4 concelleiros, Partido Galego con 2 e BNG, Espazo Común e Adiante por Ponteceso cun acta cada un. Todos os partido con representación condicionaran as conversas co PSOE á retirada de García Carballido como candidato á investidura. Un cabeza de lista do PSOE que perdeu 900 vetoso e 4 concelleiros respecto aos resultados de 2019. Pola súa banda, José Manuel Mato debutaba na política encabezando unha lista popular coa que sumou un concelleiro, pasando de 3 a 4 e engadindo 80 votos aos obtidos nas últimas eleccións.