Home de 57 anos con máis de dúas lexislaturas no cargo: as alcaldías da comarca do Ribeiro
Coñecemos o perfil dos dez alcaldes da comarca do Ribeiro e o mapa político tras o 28 de maio

Alcaldes da comarca do Ribeiro 2023

Home de 57 anos, do Partido Popular, docente, farmacéutico ou empresario cunha media de dez anos no cargo
Ourense
Este é o perfil do alcalde na comarca do Ribeiro. Loxicamente, isto é unha fotografía xeral porque hai particularidades. Así, o alcalde de Beade, Fernando Taboada non estivera anteriormente en política. Comeza así a súa andaina, substituíndo ao rexedor máis veterano do Ribeiro, levaba 49 anos no cargo e tras non ser confirmado como candidato desta volta polo Partido Popular, presentou a súa propia candidatura logrando un concelleiro.
Na comarca do Ribeiro, en clave de perspectiva de xénero, só atopamos unha alcaldesa. Rebeca Sotelo, primeira alcaldesa de Cenlle é, ademais, a máis nova de todos os alcaldes da comarca (con 35 anos). A pasada lexislatura, eran dúas (contando con Noelia Rodríguez en Ribadavia).
Demografía e auga: os principais retos nas axendas dos alcaldes da comarca
Os retos que recollen os alcaldes para os seus municipios coinciden a nivel comarcal.
Ribadavia estará na loita para non baixar dos 5000 habitantes, “En decembro saberemos se estamos por debaixo, pero a tendencia é de descenso de poboación. Temos que intentar cambiar esa tendencia”, afirma César Fernández. Porén o reto tamén estará na solución definitiva ao abastecemento de auga, tras a seca que mantivo con serias restricións á capital do Ribeiro o pasado verán.
A auga tamén é unha prioridade noutros municipios, aínda que con sentidos diferentes. As urxencias de Beade pasan por arranxar fochancas, tubaxes, xa que “as augas fecais corren libres mesturándose coas pluviais”, tal e como nos comenta o actual rexedor Fernando Taboada.
En Castrelo de Miño, un dos principais retos que se fixa o alcalde é solucionar o problema do arsénico na auga. “Temos un proxecto sobre a mesa e é prioritaria a saúde das persoas, sen esquecer outras prioridades”, asegura Avelino Pazos.
O alcalde máis veterano no cargo é o de Leiro, sostén que o fundamental é “que a entidade local menor de Berán sexa quen de poñer en funcionamento o balneario". A pesar de que Francisco José Fernández é actualmente o alcalde con máis anos no cargo da comarca, o rexedor de máis idade é o de Cortegada, Avelino Luis de Francisco que se fixa un reto similar por diante como é “poñer en valor o termalismo”.
Carballeda de Avia seguirá a traballar para fixar poboación "de pouco vale tomar outras medidas se non hai ningunha persoa para a que traballar”, explica o seu alcalde Luis Milia. Entre os proxectos, Milia cita a aldea modelo de Muimenta, a posta en valor do patrimonio ou polígonos agrarios. No reto demográfico tamén traballa o alcalde de Melón, Emilio Díaz. Para este último o gran reto é “o demográfico. Temos que botarnos culpas todos os que pasamos pola política. Algo está fallando, estamos ben situados e non resultamos atractivos, só de paso”. Fixar poboación tamén está entre a lista de prioridades do alcalde de A Arnoia, Rodrigo Aparicio para o que considera imprescindible “a creación de emprego co polígono empresarial”.
Alén de atraer poboación, os coidados das persoas maiores tamén están na axenda das políticas do Ribeiro. Concretamente dende Cenlle, Rebeca Sotelo defende como o gran obxectivo “facer unha residencia de maiores”. Neste sentido tamén se pronuncia Antonio Montero, que leva 18 anos no cargo, explícanos que están "cunha mellora nas instalacións do centro de maiores para aumentar as prazas”.
O mapa político da comarca do Ribeiro tras o 28 de maio
A comarca do Ribeiro está composta por dez concellos. O pasado 28 de maio foron as eleccións municipais 2023, e isto supuxo poucos cambios nestes municipios.
En termos xerais, a maior parte dos concellos da comarca está gobernada polo Partido Popular. Falamos, concretamente, de oito concellos dos que sete teñen maioría absoluta e un, o de Beade, maioría simple. Así, A Arnoia, Avión, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro están marcados polo continuísmo e só falamos de un cambio destacable en Ribadavia, onde César Fernández acadou a primeira maioría absoluta da capital do Ribeiro, despois de que unha moción de censura o mantiveran afastado da alcaldía dende 2021, cando o PSOE e Ribeiro en Común sumaron sete concelleiros facendo alcaldesa a Noelia Rodríguez.
Deste xeito, Rodrigo Aparicio continúa a ser alcalde de A Arnoia con sete concelleiros (dous máis que en 2019), onde o Partido Socialista mantivo dúas actas. En Avión, Antonio Montero continuará a ser o rexedor con maioría absoluta e un concelleiro menos que nas eleccións pasadas (cinco en total). A fotografía é un tanto distinta neste 2023, xa que o Partido Socialista e CxG quedaron sen representación e agromaron dúas forzas que ata agora non tiñan: Novos Aires por Avión (con tres concelleiros) e VOX (con unha edil).
En Castrelo de Miño, a alcaldía segue a estar en mans de Avelino Pazos, agora con maioría absoluta e logo de pasar de tres a cinco concelleiros. Porén, tanto BNG como PSOE pasaron de tres a dous concelleiros.
En Cenlle, Rebeca Sotelo conseguiu manter a maioría absoluta, malia perder dous concelleiros (ten un total de cinco). O BNG mantivo dúas actas mentres que o PSOE pasou de dúas a unha. Como novidade, o partido CXG fíxose cun concelleiro.
Se observamos como ficou o mapa político, tras as eleccións de 2023, na comarca do Ribeiro podemos comprobar que Francisco José Fernández será unha lexislatura máis alcalde en Leiro avalado por unha maioría de seis concelleiros (en 2019 eran sete). O BNG logrou manter un concelleiro e o Partido Socialista pasou de un a dous.
Doutro lado, dous municipios están gobernados polo Partido Socialista. Neste caso, a situación non mudou, xa que tanto Emilio Díaz, alcalde de Melón, como Luis Milia, Carballeda de Avia, manteñen a maioría absoluta con cinco e edís cada un. Porén, se comparamos os datos cos resultados de 2019, o PSOE perdeu dous concelleiros pasando de sete a cinco, mentres o Partido Popular sumou un (un total de tres) e entrou con un AECA. Na fotografía comparativa de Melón, o PSOE mantivo resultado, mentres que os populares perderon un (quedando con tres actas) e o partido Veciños conseguiu entrar no 2023 no reparto de concelleiros con un.




