O Camiño dos Faros continua namorando ao mundo mentres a administración dálle as costas
O suplemento de viaxes da BBC publica un amplo artigo sobre unha ruta que segue esperando pola homologación
:quality(70)/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisaradio/MVYIW57S5RA33LAYUDQJHU2QSI.jpg)
Costa da Morte
A BBC, a radio televisión pública británica, acaba de unirse aos grandes medios de comunicación mundiais que se namoran do Camiño dos Faros.
Hoxe o seu suplemento de viaxes publica un amplo artigo sobre este percorrido pegado ao atlántico e que transcorre polos cantís, as praias, as vilas e os faros que hai entre Malpica e Fisterra.
A xornalista australiana Susan Gough Henly percorreu o Camiño dos Faros o pasado mes de Xullo escribindo unha completa reportaxe que hoxe pode lerse na Web británica.
Na publicación conta como quedou completamente abraiada coa beleza da zona, coas paisaxes virxes da nosa costa, chegando a preocuparse por se o seu artigo podería contribuír inclinando a balanza do descoñecido ao inundado.
Describe a paisaxe galega como unha versión máis salvaxe que Gales ou Bretaña, fala da flora e a fauna que atopou ao longo dos 200 km de de percorrido e conta a historia do Camiño dos Faros, como un grupo de amigos hai uns 9 anos empezaron a abrir o camiño se saber que se convertería no que é hoxe en día.
A prensa estranxeira xa enxalzou este percorrido en outras ocasións, revistas italianas, alemás, norteamericanas, xornais de prestixio, canles de televisión especializados, todos os que se achegan ao Camiño dos Faros escriben grandes artigos e reportaxes enxalzando a ruta. Unha visibilidade internacional que supera con moito calquera outra iniciativa turística que se fixera dende a administración apoiada con grandes cantidades de cartos públicos. O namoramento instantáneo que produce nos foráneos contrasta co desleixo e o esquecemento ao que a Xunta, a Deputación e en menor medida os concellos da zona someten ao Camiño dos Faros. Unha actitude das administracións que,semella, non ven o beneficio que deixan na comarca os miles de sendeiristas que atrae esta senda cada ano. Camiñantes chegados de todo o mundo, cada vez máis do estranxeiro. Chegan tantos turistas para percorrer o Camiño dos Faros que algúns establecementos aseguran que nos meses de maio, xuño, setembro ou outubro viven case en exclusiva desta ruta.
Resulta imposible non ver cada mañá os taxis e os microbuses trasladando xente de Laxe a Ponteceso ou de Arou a Camariñas, por poñer dous exemplos. Trasladando maletas, mochilas e persoas dun pobo a outro, dun hotel a unha casa de turismo rural, dun albergue a un ha vivenda turística. Supermercados e cafeterías cheas de xente con camisetas verdes, mochilas con Traskis colgando a modo de chaveiro.
A ruta está consolidada e o seu éxito continuará medrando nos vindeiros anos de xeito natural e seguirán chegando camiñantes grazas, entre outras cousas,a artigos como o que hoxe publica o suplemento e a web da BBC, Pero a imaxe que se levan de volta non sempre é tan favorable. En demasiadas ocasión o camiño está sen limpar, non tódolos concellos se implican na roza o que dificulta percorrer algúns treitos da ruta en certas épocas. A sinalización feita no seu día pola asociación Camiño dos Faros empeza a desaparecer en moitos lugares, é urxente acometer unha sinalización de calidade. Un traballo que sería moito máis doado de facer se a ruta estivese homologada.
O Camiño dos Faros é un recurso turístico que cumpre con todo o solicitado polo sector nos últimos anos, desestacionaliza, é sostible e respectuoso co medioambientalmente, atrae un turismo de calidade, en moitas ocasións cun alto poder adquisitivo e que pasa un mínimo de 5 días na zona, por norma xeral.