A Deputación apoia o proxecto ‘Galicia Remota’ do Concello de Carnota para captar nómades dixitais
A iniciativa, que se desenvolverá no municipio do 8 ao 30 de outubro, busca facer do rural un polo de atracción de traballadores remotos
:quality(70)/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisaradio/JD2TDFSU4JA33CFWHXROP6XCAQ.jpg)
Costa da Morte
A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno celebrado este venres unha subvención nominativa para o financiamento do proxecto piloto ‘Galicia Remota’ en colaboración co Concello de Carnota.
Con esta iniciativa búscase crear un novo modelo de turismo, innovación e sustentabilidade para facer do rural un polo de atracción de persoas que podan desenvolver a súa labor profesional en teletraballo desde calquera lugar do mundo.
O ente provincial contribuirá ao financiamento da actividade cunha achega de 24.000 euros, o 80 % do orzamento total, que ascende a 30.000 euros.
Con esta iniciativa as persoas traballadoras online terán unha oportunidade na que vivir experiencias únicas de crecemento persoal e profesional e descubran novos lugares ao mesmo tempo que desenvolven o seu traballo en liña.
“O obxectivo da iniciativa é contribuír a frear o despoboamento do rural e convertelo nun lugar de emprendemento, amosando con proxectos coma este que é posible traballar en remoto desde o rural cunha maior calidade de vida e sen o axetreo cotián das grandes cidades”, explicou o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou que a creación de actividade e emprego no rural e a loita contra o despoboamento é un dos eixos estratéxicos da acción política do goberno provincial coruñés.
Un grupo de 12 nómades dixitais internacionais poderán vivir durante tres semanas, do 8 ao 30 de outubro, no rural do municipio e axudar a motivar ó tecido emprendedor local. Abordaranse, así, distintos problemas locais como: a escasa iniciativa empresarial, a presencia de negocios con pouco valor engadido e o turismo estacional e de baixa calidade.
Durante a súa estadía, as persoas participantes desta primeira experiencia, realizarán distintas actividades como: obradoiros con artesáns, roteiros de aprendizaxe, visitas culturais, coloquios específicos sobre emprendemento, etc.
Co apoio a este proxecto do Concello de Carnota, a Deputación mostra, unha vez máis, o seu compromiso coa loita contra a despoboación do rural e co impulso do desenvolvemento económico e social da provincia.
O pleno aprobou tamén por unanimidade o convenio para financiar con 115.000 euros as obras de mellora de eficiencia enerxética do campo de fútbol de Lombáns. A Deputación achegará o 80% do investimento .