A Biblioteca de Monte Alto celebra os seus 25 anos
Case tres millóns de visitas nunha "aventura marabillosa". É a sexta biblioteca da rede municipal da Coruña


A Coruña
A Biblioteca de Monte Alto está de aniversario. Cumpre un cuarto de século e celébrao cunha tertulia esta tarde coa presenza da alcaldesa, Inés Rey, as escritoras María Canosa e Emma Pedreira, os ilustradores Arturo Iglesias e Bea Lema e o músico Xurxo Souto. Desde 1999, cando abriu as súas portas dentro da rede de bibliotecas municipais para coller o relevo da que xestionaba a Asociación de Veciños, traballa co lema do aniversario: “25 anos facendo barrio”.
A biblioteca conta con 13.900 socios e leva rexistradas 2 millóns 900 mil visitas desde a súa apertura. Realizou ata 1.200.000 préstamos e participou activamente na vida colectiva dun barrio no que as familias inscriben aos bebés como socios. A súa bibliotecaria titular, Chus Teijo, descríbea como “unha aventura marabillosa”.
Na actualidade, as súas instalacións están situadas na terceira planta do Centro Cívico do barrio, e programa actividades durante todo o ano. Nos próximos meses, poderá visitarse unha mostra fotográfica sobre a historia da biblioteca, e esta tarde proxectarase tamén unha peza documental sobre o seu impacto nas persoas usuarias.
Mañá será a quenda dos máis pequenos, cun espectáculo familiar de música e xogos tradicionais na Praza dos Avós.
Durante todo o ano, os usuarios recibirán agasallos conmemorativos: un marcapáxinas cunha ilustración da biblioteca e unha bolsa de tea para os libros emprestados.
A Biblioteca de Monte Alto abriu o 3 de xuño de 1999. É a sexta biblioteca da rede municipal da Coruña e foi a primeira totalmente informatizada, tanto no servizo de préstamo como na xestión do acceso do público a libros e ordenadores.




