"Fun percebeira dende os 14 anos, antes era unha vergoña e nunca pensei acabar nun museo"
María del Carmen del Río acaba de doar as súas feramentas de traballo ao Museo do Mar de Cervo
María del Carmen del Río: "Fun percebeira dende os 14 anos, nunca pensei acabar nun museo"
Lugo
O Museo Provincial do Mar, en Cervo, acaba de recibir a doazón de cinco ferramentas de traballo dunha percebeira de Rinlo, en Ribadeo. Pertencen a María del Carmen del Río, que asegura emocionada que as entrega "con todo o cariño". A través delas ponse en valor a historia en minúsculas, a das vidas cotiás, que dende a Rede Museítica Provincial queren poñer á altura dos grandes eventos históricos.
No acto de recepción, o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, apunta que “permite coñecer máis sobre a nosa historia e a vida de mulleres mariñás que deixaron pegada no presente". Trátase de cinco utensilios: "dispondas", o "gancho para coller o percebe" máis o saco que se ata á cintura. Para María del Carmen representan "todo o meu traballo, toda a miña vida", e nunca imaxinou que fosen rematar nun museo: "Como ía pensar eu tal cousa?".
En Hoy por Hoy Lugo conta a súa historia: foi mariscar dende os 14 anos, e xa non deixou a profesión ata que se xubilou, "de mala gana", porque se declara "namorada do mar". "Daquela ir ao percebe era unha vergoña", explica, "pero a min non ma daba, eu tiña que ir porque facía moita falta, non había que comer, e gustábame tanto que cada vez que tiña marea poñíame máis contenta ca se fora a unha festa".
Recoñece, a pesar de todo, que é un oficio moi duro, porque "ademais de sacrificado é perigoso". Asegura que "o percebe é moi envidioso, porque velo bon e queres ir collelo, e intentas, pero claro, pode vir o mar e levarte". "Eu nunca levei ningún susto", continúa, "pero teño unha compañeira que a levou o mar tres veces, dunha tardei moito en volvela ver, pásase moito medo". Recorda que "sempre hai que mirar o mar, non se lle poden dar as costas".
A pesar de todo asegura que o pasou mal cando tivo que xubilarse e fíxoo case obrigada pola familia, que "tiñan medo que me pasara algo, tamén eu xa tiña a miña idade e non podía seguir", explica. Despediu toda unha vida de mariscadora que foi "moi tirste", porque o seu marido "andaba no mar e se cadra non o vía nun ano", pero "era así", sentencia.
Legado familiar
A mariscadora recorda que a súa nai "non lle gustaba nada" o seu oficio, porque "dáballe medo o mar". Agora é ela quen se preocupa pola súa filla, que ao seu pesar, decidiu serguir os pasos da nai e ser tamén percebeira.
"A min non me gusta esa profesión para ela, porque se pasa moi mal, é peligroso e estás sempre con medo", conta, pero entende, por experiencia propia, a súa decisión. "Cando era pequena eu xa a levaba comigo para que me axudara a escoller e a limpar o percebe, e gustáballe tanto que non houbo que lle quitara o percebe da cabeza", di María del Carmen.