La Ventana Metropolitana
Ocio y cultura
Escritoras

As bibliotecas de Redondela celebran o Día das Escritoras ao longo da semana na Radio Municipal e nos centros escolares da vila

As xornadas "A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural", celebraranse do 14 ao 18 de outubro

Programación da semana das escritoras en Redondela

Este luns 14 de outubro celébrase o Día das Escritoras, unha iniciativa organizada pola Biblioteca Nacional de España para a Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas.

O obxectivo fundamental desta celebración é dar visibilidade e reivindicar o labor e o legado das mulleres que escribiron ao longo da historia, en moitas ocasións silenciadas ou deliberadamente esquecidas. A data elixida para festexalo cada ano é o luns máis preto da festividade de Santa Teresa de Jesús, o 15 de outubro. Nesta edición o comisariado recae na escritora Ana Iris Simón e o lema escollido é: «A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural».

As bibliotecas municipais de Redondela volven participar na proposta como en anos anteriores. Deste ano fao acompañadas das bibliotecas dos centros de ensino secundario do concello e tamén, como outros anos, da Radio Municipal. As ondas de Radio Redondela retransmitirán os textos, de autoras como Concha Espina, Teresa de Jesús, Dolores Medio, Mariluz Escribano, Margarita Nelken, Rosalía de Castro, María Zambrano, Gabriela Mistral ou Ernestina de Champourcin entre outras, que foron seleccionados pola BNE para este evento. E para iso, contan coas voces de bibliotecari@s e alumn@s dos centros IES Pedro Floriani, IES Mendiño, IES Illa de San Simón, IES Chapela e Colexio Vigo.

Será durante esta semana, do 14 ao 18 de outubro, cando se vai achegar a voz literaria das mulleres aos radiooíntes e tamén dar comezo ás celebracións do Día das Bibliotecas. A cita é no 94.9 da FM, e o podcast na web e redes sociais da emisora, das bibliotecas públicas municipais de Redondela e das bibliotecas colaboradoras.