Premios José Hermida para radios escolares
Radio Pontevedra pon en marcha un concurso de podcast dirixido aos centros educativos que dispoñan de radio escolar. Para máis información envía un email a: radioescolar@radiopontevedra.com
Premios José Hermida: así son as visitas dos colexios á radio
Consulta as bases legais da convocatoria
O Grupo Radio Pontevedra crea os Premios José Hermida
Será o colofón do proxecto educativo de Radio Escolar de Radio Pontevedra dirixido a todos os centros públicos e concertados de Infantil, Primaria nas comarcas de Pontevedra, O Salnés, Arousa, Umia, Barbanza, Terra de Montes e Deza Tabeirós
Os I Premios José Hermida queren ser a motivación dos alumnos que participen no programa educativo Radio Escolar. Radio Pontevedra quere incentivar ao alumnado participando nun concurso de podcast de radio nos centros escolares con temática e contidos elixidos en cada centro e consensuados con Radio Pontevedra.
Haberá unha gala anual na que estarán presentes os centros finalistas e alí entregaranse os Premios José Hermida aos tres mellores podcast nas categorías designadas de infantil-primaria e secundaria.
O Grupo Radio Pontevedra constituirá un xurado composto por profesionais da radio e por docentes, que seleccionará aos dez podcast finalistas. Estes finalistas protagonizarán a gala I Premios José Hermida no mes de maio de 2025, onde se darán a coñecer os 3 colexios gañadores de cada categoría e entregaranse mencións especiais ao resto dos colexios.
A información necesaria está dispoñible en www.radiopontevedra.com xunto coas bases nos apartado Premios José Hermida.
Quen foi José Hermida Vidal?
"A RADIO ERA A SÚA VIDA, A SÚA VIDA ERA DA RADIO". Non hai ninguén mellor que José Hermida Vidal (1915-2005) para nomear a uns premios radiofónicos dirixidos a promover a radio entre os escolares. José Hermida foi un dos pioneiros da Radio en España, tras mercar unha pequena emisora, que montara a familia Vázquez Lescaille.
Con poucos recursos e moita ilusión, puxo en marcha en 1932 Radio Pontevedra, sendo a primeira emisora que comeza a emitir en Galicia, EAJ40. Na súa longa actividade empresarial recibiu moitos recoñecementos. O máis significativo foi o Premio Ondas en 1999 como un dos dez pioneiros da radio en España, como empresario innovador e exemplar que permaneceu máis de 65 anos á fronte de Radio Pontevedra e pola súa decidida contribución á Radio do noso país.
Dende o inicio, Radio Pontevedra é líder de audiencia ininterrompida no seu ámbito de influencia. Hoxe é a matriz dun grupo de comunicación consolidado, formado por oito emisoras que conta con 124.000 oíntes diarios, con tres Premios Ondas, unha Antena de Oro á mellor emisora local e un Premio Galicia de Xornalismo.
O proxecto Radio Escolar xa está en marcha
A radio é a vida que soa. E a vida soa nos centros educativos. Radio Pontevedra Cadena Ser quere contribuír ao proceso de aprendizaxe e formación do alumnado galego cun proxecto educativo de creación ou mellora de laboratorios de radio, nos centros de titularidade pública e concertados da nosa cobertura.
Proponse unha colaboración directa cos centros educativos para impulsar a Radio Escolar tentando potenciar esta ferramenta educativa, e convertela nun “medio de comunicación” interno, en cada centro, con participación do alumnado e o profesorado. Queremos converter a radio nunha ferramenta educativa atractiva para o desenvolvemento de todo tipo de actividades.
Os profesionais de Radio Pontevedra e Radio Arousa impartirán, nos centros escolares e nas nosas instalacións, talleres teóricos e prácticos ensinando as técnicas e ferramentas da radio para que poidan utilizalas nas actividades educativas. Serán programas e faladoiros para formar aos alumnos no consumo diario de información, ensinándolles a importancia de estar ben informado, onde e como informarse, e como distinguir noticias reais de bulos e noticias falsas.
Desde novembro ata abril poñeranse en marcha talleres de formación semanais nas nosas instalacións e nos colexios, coa participación no noso magazine local “Hoy x Hoy”. Haberá visitas ás nosas instalacións para poder facer uso dos estudos de gravación e coñecer o día a día da auténtica radio profesional vendo o seu funcionamento en directo.