Hoy por Hoy Santiago
Sociedad

Daniel Asorey e Blanca Millán: "É como unha guía turística de Santiago pero bonita"

O escritor e a ilustradora de "Santiago de Compostela. O Milagre" explicaron no Hoy por Hoy Santiago a maneira na que este libro mostra os lugares menos coñecidos da cidade

Daniel Asorey e Blanca Millán: "É como unha guía turística de Santiago pero bonita"

Santiago

A nosa cidade xa ten a súa publicación propia nunha colección do Grupo Ciudades Patrimonio de la Humanidad que edita Tintablanca. Trátase dun libro que se presenta mañá no Museo do Pobo Galego e que leva por título "Santiago de Compostela. O Milagre". O seu autor, o compostelán Daniel Asorey, e a ilustradora, Blanca Millán, plantexárono como unha recompilación das zonas da cidade cunha visión renovada dos puntos máis senlleiros. Íñigo Caínzos tivo a sorte de saír de paseo cos autores da obra e coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para posteriormente presentar a obra no Hoy por Hoy Santiago con Ainhoa Apestegui.

Comezaron o percorrido no barrio de Sar, concretamente na ponte. Sanmartín explicaba que este libro naceu para ensinar unha imaxe profunda da cidade, fuxindo do superficial e dos tópicos. Por eso están aí, porque é un lugar ao que baixan poucos turistas. Continuaron polo xardín de Belvís, para falar sobre esa contorna co escritor da obra, Daniel Asorey. Desde as lendas dos estudantes de medicina que ían a Bonaval a roubar corpos ata as hortas orixinarias desa zona que derivaron nunha recuperación do espazo e convertírono no que agora é "un mar verde", segundo Asorey.

Sen ir moi lonxe, a seguinte parada foi no barrio de San Pedro, unha das principais entradas á cidade. A comida foi a protagonista neste punto, coas mellores recomendacións dos autores, entre eles o restaurante "Os sobriños do pai" que sae no libro. Xa para rematar o paseo acudiron ata a Praza de Abastos, para analizar o que supuxo para a economía local e os produtores de Compostela. Dicía Asorey rematando a entrevista que lle doe que se convirta nun punto gastronómico máis que nun referente de compra. Mentres camiñaban de volta cara o Obradoiro comentaban outras historias descoñecidas da cidade co son dos gaiteiros de fondo.