Dous encapuchados matan a tiros a un home nun bar de Carballo
Foi disparado por dous individuos que irrumpiron no bar onde se atopaba a vítima. As forzas de seguridade montaron un oeprativo para dar cos autores
Carballo
Un varón foi asasinado este mércores en Carballo, logo de ser abatido por dous individuos que lle dispararon cun arma de fogo.
Os feitos tiveron lugar ao redor das oito da tarde no bar Castro rúa Río Anllóns. Os dous encapuchados que efectuaron os disparos chegaron ao lugar dos feitos en patinete eléctrico coa carapucha posta, entraron no bar e dispararon á vítima de xeito practicamente inmediato, sen mediar palabra. A vítima, segundo pode verse no vídeo da cámara de seguridade do establecemento, tratou de resgardarse no baño pero os asaltantes déronlle caza efectuando varios disparos que acabaron coa súa vida de xeito inmediato, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvalo.
A Policía Xudicial da Garda Civil de Carballo está ao fronte da investigación para dar cos autores dos feitos, recollendo testemuñas, revisando as imaxes e recollendo outras probas que poidan axudar a determinar a identidade dos autores e a súa posterior detención.
Todo apunta a que se trata dun axuste de contas, aínda que a subdelegada do goberno, María Rivas, asegurou esta mañá que polo de agora non se pode descartar ningunha outra hipótese sobre o móbil dos feitos.
A vítima, José Luís Alvarado, coñecido como “Chelo, El Regidor”, conta cun amplo historial de delitos no seu país de orixe, a República Dominicana, onde a noticia do seu asasinato está tendo unha importante repercusión. O alcume de El Regidor ten relación ao seu intento de chegar a alcalde de Los Alcarrizos en 2015, unha carreira política breve e que rematou ao ser acusado de matar a un oficial de policía durante un desaloxo.
Ao parecer “El Regidor” liderou unha banda que se dedicaba ao secuestro e extorsión de empresarios, tamén se lle vincula con posible tráfico de drogas. A finais de 2022 fuxiu a Colombia, pero ao pouco tempo foi deportado de novo á república Dominicana pola INTERPOL, finalmente, a pesar de existir unha orde de arresto internacional contra el, logrou escapar a España.
Algunhas fontes apuntan a que colaboraba na xestión do bar onde perdeu a vida, un local onde eran habituais os conflitos, veciños da zona indican que tiveron que chamar á policía en diversas ocasión nos últimos meses debido ás pelexas entre os clientes do negocio.