Radio Ourense recala no CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar
Este é o cuarto programa do proxecto SER na escola

SER na escola CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
O programa Hoy por hoy Ourense celebrou este luns unha nova edición de SER na escola, o proxecto de Radio Ourense Cadena SER para levar a emisión radiofónica aos colexios do rural e darlle voz aos escolares e á comunidade educativa. Nesta ocasión o centro participante foi o CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar.
O alumnado tivo un papel destacado nos contidos dun programa no que o fío condutor foron as tradicións e a vida no rural. Ademais, a música tivo un papel predominante a longo de todo o espazo radiofónico, tanto polas actuacións en directo de Marta Bravo e Sérgio Tannus, músicos e mestres da escola Repenica, como polas cantigas populares interpretadas por alumnado de 6º de Primaria. Os estudantes tamén compartiron cos oíntes información sobre a orixe destas cantigas e a súa importancia cultural, histórica e social, tanto no seu concello coma en toda Galicia.
Pola súa banda, o alumnado de 4º de Primaria quixo ofrecer un espazo enxalzando as vantaxes de vivir no rural, no que destacaron a tranquilidade, a seguridade ou o contacto coa natureza entre outras moitas. Ademais, catro escolares de 5º de Primaria exerceron como xornalistas entrevistando a Santiago Bonay, experto e investigador sobre o oficio dos afiadores.
Participou tamén neste programa especial dende o CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey o alcalde do Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación, Luis Menor. Na vertente divulgativa, o axente ambiental do distrito XII Miño-Arnoia, José Manuel García, ofreceu á cativada unha charla participativa sobre a nosa contorna natural, as funcións do monte e a súa biodiversidade.




