A mostra do mosaico de Panxón deixará o Salón de Plenos de Nigrán trala Semana Santa
O mosaico do s. III d.C quedará ubicado definitivamente na Biblioteca Municipal de Nigrán

Mosaico de Panxón

A mostra co mosaico romano de Panxón permanecerá aberta durante estes festivos de Semana Santa como un dos grandes reclamos turístico do municipio.
Así, a exposición completa ubicada no salón de Plenos da Casa Consistorial poderá visitarse por derradeira vez o xoves, venres, sábado e domingo de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, estando á fronte dela una arqueólogo especialista que guiará aos asistentes.
A continuación, a peza do século III d.C. recuperada en New York será trasladada á planta baixa da Biblioteca Municipal de Nigrán, onde estará exposta ao público permanentemente pero xa sen a musealización complementaria.
Centos de persoas e múltiples colexios acudiron desde o pasado 7 de febreiro a esta mostra comisariada por Árbore Arqueoloxía co obxectivo coñecer de preto a gran xoia patrimonial de Nigrán. Para poder expoñela ao público tiveron que pasar 1.800 anos e superar unha distancia de 14.112 km.
"Un plan perfecto"
“Tendo en conta esta Semana Santa pasada por auga cremos que este é un plan perfecto, por iso decidimos reabrila antes de trasladar a peza a Biblioteca”, considera o alcalde, Juan González, quen traslada o seu especial agradecemento aos tres traballadores do CEE Juan María Empleo que estiveron á frente da mostra abréndoa, pechándoa, atendendo á xente e supervisando que todo ía correctamente.
Os asistentes poderán ver restos vinculados coa historia do castro de Panxón (cerámicas e un concheiro), réplicas de obxectos cerámicos da época, muíños de pedra atopados en devandita parroquia, imaxes dalgúns dos restos máis icónicos deste castro e que se atopan en diferentes museos (ara a Mercurio, outro trozo dun mosaico, un puñal óseo, obxectos decorativos…) e, como curiosidade, tres imaxes cedidas por Erea Castro do periodo no que o mosaico estivo na casa de Ricardo Blanco Cicerón na Coruña, unha etapa na que foi propiedade desta familia, que o empregaba como mesa de estudo.
O mosaico mide 84x84 cm e está embutido nunha mesa feita no século XIX ao efecto de preservalo, sendo o único fragmento que se conserva dun pavimento que se sabe moito maior. Este anaco consérvase intacto e representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 77 cm e unha ameixas aberta, un tema único nos achados de toda a área metropolitana.
O mosaico, recuperado
A esta xoia perdéraselle a pista despois dunha poxa pública no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid ata que reaparece no ano 2018 á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recuperala e, a partir de 2019, da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa (Nigrán) e quen constituíu a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites. Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000 € dos 58.000 € que custou a súa compra coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade.
A epopea do mosaico arranca en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York, cando embarca cara a súa sucursal en Londres, onde permaneceu máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegase a Madrid o pasado 28 de novembro. Alí, na céntrica galería Colnaghi, entre Sorollas, Zuloagas e un Caravaggio, permaneceu exposto ata que hai 15 días emprendese o seu retorno definitivo cara o seu fogar, Nigrán. Agora, tras requirilo Concello e a asociación, está en trámites de ser declarada BIC (Ben de Interese Cultural) por parte da Xunta de Galicia para así protexela ao máximo.