O CPI Virxe da Saleta, en San Cristovo de Cea, recibe a visita do programa SER na escola
Nova cita deste proxecto co que Radio Ourense leva a radio aos centros educativos do rural

SER na escola CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
O proxecto educativo SER na escola de Radio Ourense Cadena Ser, visitou este luns 5 de maio o CPI Virxe da Saleta, en San Cristovo de Cea. Unha edición na que o alumnado do centro foi protagonista do Hoy por Hoy Ourense, contribuíndo de forma moi activa nos contidos deste magazine que presenta e dirixe Pepe González.
Nesta nova edición de SER na escola, a música foi un dos fíos condutores, coa actuación ao longo de todo o programa de Marta Bravo e Sergio Tannus, músicos, cantantes e mestres da escola Repenica. Ademais, unha vintena de alumnos e alumnas de 3º a 6º de Primaria interpretaron unha peza composta por eles mesmos en homenaxe a Castelao no ano do 75 aniversario da súa morte.
A participación do alumnado neste espazo foi constante de principio a fin. Así, Ana e Joaquín, estudantes de 5º de Primaria, encargáronse de entrevistar en directo ao escritor, músico e mestre de Audición e Linguaxe do centro, Pablo Nogueira; un grupo de escolares de 4º de Primaria ofreceron un espazo de promoción da lectura no que compartiron cos oíntes os seus libros favoritos; estudantes de 6º contaron a lenda do Vanitán; e Águeda, Marco e Candela, tres alumnos de 4º da ESO falaron da Olimpíada de Enerxía na que estiveron presentes varios estudantes do CPI Virxe da Saleta, que quedou en terceiro lugar.
Entre os convidados, o presidente da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez, que falou da situación do sector e reivindicou a calidade deste produto elaborado segundo as técnicas ancestrais da zona e mediante un laborioso proceso artesanal.
O estudo móbil do Hoy por Hoy Ourense segue rondando e nuns días visitará outro centro escolar para levar o mundo da radio os colexios do rural ourensán e, desta maneira, favorecer a implicación dos estudantes na emisión radiofónica.




