Así luce o renovado parque infantil de Barcelos
O Concello substituíu o céspede, o valado, os sistemas de fontanería, reparou todos os xogos e colocou novo mobiliario urbano


A Concellaría de Servizos urbanos básicos que dirixe Xaquín Moreda abriu o parque infantil de Barcelos logo da súa remodelación practicamente integral. O concelleiro supervisou hoxe
como quedou a área de lecer que xa foi aberta á cativada a primeiros de semana. O investimento superou os 70.000 euros.
Durante estes meses de peche, o departamento municipal retirou o valado que estaba deteriorado e instalou un novo de madeira de piñeiro. Tamén renovou a base de caucho do parque, colocou novo céspede artificial -arredor de 1.250 metros cadrados-, reparou todos os xogos retirando elementos perigosos, pintáronse, substituíronse as redes e colocáronse novos carteis informativos. Tamén instalou dúas novas fontes, así como papeleiras, mobiliario urbano e completou a actuación coa limpeza e axardinamento das escavas.
O parque infantil de Barcelos vénse a sumar á liña de supervisión de parques infantís que iniciou a Concellaría de Servizos urbanos básicos nestes anos. Xa están supervisados e reparados os parques infantís de Ponte Boleira, Fonte Santa, As Regas, Campo da Torre, Illa do Covo, Palmeiras, Pasarón e Praza de Europa, e ten actuado de urxencia noutros como en Maruxa Mallo, Corvorana, Oito de Marzo ou Tafisa que se atopaban en evidente estado de inseguridade.
O concelleiro Xaquín Moreda ordenou realizar un traballo minucioso, facendo unha diagnose e priorizando as actuacións, dado que non se coñecía o estado real de todas estas áreas infantís. O estudo previo permite ir priorizando os espazos de actuación, aínda que a Concellaría está atenta para atender as urxencias que poidan xurdir en calquera das áreas infantís.

Ramón Mella
(Pontevedra, 1973) Locutor, redactor y jefe de informativos y deportes en Radio Pontevedra. Máster en...




