Luar na Lubre recibe a Medalla Castelao 2025: “Sentímonos moi honrados por este recoñecemento en clave galega”
Bieito Romero, líder do grupo Luar na Lubre, valorou con emoción a concesión da Medalla Castelao 2025

Bieito Romero, cantante de Luar na Lubre
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
A entrega das Medallas Castelao celebrouse este sábado na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Xunto a Luar na Lubre, foron distinguidos a doutora Rosa Rodríguez Álvarez, o intelectual Víctor Freixanes ou a Asociación AIRE. Para Bieito Romero, recibir este galardón “ten un simbolismo e un significado especial” por tratarse dun premio en clave galega: “As tres cuartas partes dos recoñecementos que temos foron concedidos fóra de Galicia”.
Durante o seu discurso, o músico destacou a importancia do lugar e do contexto no que se realizou o acto, subliñando a honra que supón recibir unha distinción que leva o nome de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, referente do galeguismo.
Preto de 40 anos de traxectoria e máis de 2.500 concertos
Fundado en 1986, Luar na Lubre está a piques de cumprir 40 anos enriba dos escenarios, tempo no que teñen ofrecido máis de 2.500 concertos en máis de 50 países. “A nosa música bebe das raíces tradicionais galegas, aínda que non sempre sexa tradicional no sentido estrito”, explica Romero. A súa proposta sitúase no ámbito da música celta, en diálogo constante con culturas como a bretoa, a irlandesa ou a escocesa.
Este luns, o grupo actúa en Cuenca, dentro do Estival Cuenca 2025, nun escenario tan singular como o Museo de Paleontoloxía de Castela-A Mancha. “Xa tocamos en moitos lugares peculiares, e este é outro enclave fermosísimo”, comentaba Romero durante a entrevista en directo desde a estrada, de camiño ao concerto.
Un verán cheo de concertos e proxectos para o 40 aniversario
A axenda estival do grupo está moi cargada, con actuacións por toda Galicia e tamén noutras comunidades da Península. Entre as citas destacadas está a súa presenza na Feira do Outro Viño en Sítimo de Paderne esta fin de semana.
De cara ao ano 2026, Luar na Lubre prepara unha xira especial e a edición dun novo traballo co que celebrarán os 40 anos de historia. “Será o noso vixésimo primeiro disco e virá acompañado dun libro-disco que reflicta todo o camiño percorrido”, avanza Romero.
As claves da súa continuidade
Cando se lle pregunta polo segredo para manter un proxecto tan sólido durante catro décadas, o músico destaca tres elementos: “facer as cousas con sentido, coidar os equilibrios internos do grupo e ter unha motivación constante”. Tamén reivindica o papel da formación na normalización da cultura galega: “Conseguimos que a palabra ‘luar’ entrara no dicionario da Real Academia Galega, e iso tamén é un fito”.




