Nigrán pide axuda á veciñanza para atopar aos alumnos e alumnas do mestre republicano Sebastián Pena
O obxectivo é resarcir a súa figura e desvincular o seu nome do Cabo Pena, líder da represión franquista na comarca

O Concello de Nigrán pide colaboración cidadá para atopar aos alumnos e alumnas do profesor Sebastián Pena, mestre republicano

O Concello de Nigrán dedica este "Mes da Memoria" á figura de Sebastián Pena López (1885-1971), mestre republicano que exerceu en parroquias como Parada e Vilariño, e cuxo apelido provocou unha confusión histórica que o vencellou erroneamente co gran represor franquista da comarca, o temido cabo Pena.
O alcalde de Nigrán, Juan González, tamén historiador experto na Guerra Civil, anunciou que o obxectivo é "zanxar para sempre esta falsidade histórica" e devolverlle o recoñecemento público que merece unha persoa "moi comprometida coa vida social e cultural da comarca".
Chamamento para identificar a alumnos e alumnas de 1925
O Concello fixo un chamamento público á veciñanza para identificar ao alumnado que aparece con Sebastián Pena nunha fotografía de aula do 3 de novembro de 1925 na parroquia de Parada. Na imaxe, destaca á esquerda do grupo unha pizarra coa frase: "Una buena educación es un tesoro".
Sebastián Pena, natural de Tabeirós (A Estrada), foi considerado un prototipo de mestre da República. O historiador Carlos Méixome, cofundador do IEM, destacou o seu compromiso: "Dende a proclamación da República amosou o seu compromiso: encabezou, en Vigo, a ‘xunta civil de defensa dos poderes republicanos’... presidiu o consello escolar local; dinamizou as ‘misións pedagóxicas’ e desenvolveu unha intensa actividade cultural dende a sociedade agraria de Parada".
A pesar do seu labor, a súa vinculación co agrarismo galeguista e o ideario republicano levouno a sufrir unha dura represión tras o golpe de Estado de 1936. O seu irmán, José María, foi fusilado, e el temeu pola súa vida. Foi sancionado "sen emprego e soldo" e, ao recuperar a escola, apartárono da casa familiar durante seis anos, enviándoo a Pontecesures.
Resarcindo a memoria
O alcalde González subliñou a importancia de resarcir a figura de Pena, amigo do mestre José Vázquez Grela —asasinado en 1936 e a quen o Concello xa dedicou un parque público—. "Agora o queremos facer con Pena, o seu amigo, quen sufríu unha dura represión, e queremos que as súas dúas fillas que siguen vivas sexan testemuña directa desta emenda", explicou o rexedor.
Pola súa banda, Méixome incidiu na "falsidade terrible" provocada pola coincidencia do apelido co do Cabo Manuel González Pena, o "gran represor da comarca". "Sebastián Pena López, o mestre republicano de Parada, castigado polos sublevados, nada ten que ver co xefe dos represores no Val de Miñor, Manuel González Pena", sentenciou o historiador.
O 'Mes da Memoria' de Nigrán celébrase cada outubro, coincidindo cos tráxicos asasinatos de 'A volta dos 9'.




