A programación do San Froilán a debate: ¿é posible facer un cartel a gusto de todos os lucenses?
Unha das principais críticas é a percepción de que nos últimos anos as propostas musicais das festas patronais resultan menos atractivas para grandes públicos

A programación do San Froilán a debate: ¿é posible facer un cartel a gusto de todos os lucenses?
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
A programación do San Froilán é, dende fai varios anos, motivo de debate entre os lucenses. A crítica que xa se volveu recorrente é que se bota en falta unha maior presenza de artitas de renome nacional que movan grandes audiencias. Neste ano, Lia Kali, Xoel López ou Tanxugueiras son algunas das prinicpais apostas da área de Cultura do Concello de Lugo, que defende unha programación "para todos e todas" que combina "tradición e modernidade", en palabras da edil Maite Ferreiro.
Entre os lucenses hay opinións variadas. Algúns veciños amósanse satisfeitos polo papel protagonista que teñen artistas e grupos galegos e lucenses na programación: "Eu creo que as festas como as do San Froilán deben ser un escenario para que os grupos de aquí poidan actuar para o seu público, porque se non lles damos nós o seu espazo quen o vai facer?".
Tamén hai quen considera que "lle falta moito" e propón nomes como "Dani Fernández, Sebastián Yatra ou Aitana", e afirma que "pagaría" se fose preciso por velos. Hai outro xeito de vivir a proposta cultural das festas, que é a de deixarse sorprender: "Eu a El Consorcio non falto, que así para xente maior coma min é o que hai, pero despois vou a todo, fun ao espectáculo das Drag Queens e encantoume, estiveron simpatiquísimas, majas, foi ideal".
Oportunidade para os grupos locais
Diego Flaneur & Ünder ou Verter Gz son dúas das bandas locais que forman parte da programación do San Froilán deste ano. Ander, integrante do primeiro grupo, sinala que poder actuar antes das Tanxugueiras na Horta do Seminario é unha gran oportunidade para o seu proxecto: "Fainos moita ilusión cantar nun escenario coma ese, no principal do San Froilán, que son palabras maiores". "Non todos os días temos esa exposición e podemos cantar diante de tantas persoas", engade.
Tamén Fiz e Miguel, de Verter Gz, opinan igual. É xa a súa terceira vez e aseguran que actuar no escenario principal significou para eles "un antes e un despois". "É o que nos permite crecer dende un primeiro momento, axudounos a medrar moito e estas iniciativas para os grupos locais son fundamentais", explica Fiz, ao que Miguel engade que supón unha "oportunidade enorme" para darse a coñecer.
Poñendo o foco na música tradicional, o presidente da Asociación Cultural Cántigas e Frores, Anxo Vilabrille, ve "fundamental" que os grupos de música galega teñan un papel principal: "Se o San Froilán ten a fama de ser a gran festa do outono galego é precisamente pola forte presencia da nosa música e da nosa cultura tradicionais".
A recorrente presenza de propostas relacionadas coa música e o baile tradicionais, que para algúns é excesiva, é unha mostra, ao seu entender, de "que a cultura do noso país está viva e se pode manifestar de diferentes maneiras". Para el é "unha alegría" comprobar que existen "propostas de todo tipo, mesmo máis alá da música tradicional, que xorden aquí".
"Que podería haber algún artista máis importante a nivel nacional?", pregúntase. "Estaría ben", continúa, "pero íalle gustar a uns máis e a outros menos, así que o debate ía seguir existindo, porque o programa de festas ideal para todos non existe".
Crítica construtiva ou opinión persoal?
Unhas das críticas que máis se repiten ao opinar sobre o cartel do San Froilán é que "as festas xa non son o que eran". Pola cidade teñen pasado artistas de alcance nacional no seu momento de maior fama, que é o que se bota en falta na actualidade. Mais, segundo sinala Pablo del Valle, músico e mestre, hai que comprender que tampouco o contexto é o mesmo.
"O dos cachés e o que aumentaron nos últimos anos, poderíamos dicir que é un dos principais problemas", explica o músico. Apunta tamén que hoxe en día as festas programadas pola administración teñen que competir co sector privado: "Se temos cada vez máis festivais e propostas nas que pagamos unha entrada, non podemos esixir o mesmo nun concerto que vai ser gratis".
A cantante lucense Sara Nebra concorda en que os festivais cambiaron o paradigma da programación musical nos últimos anos. Por este motivo, cre que non é lóxico "pensar en traer a alguén que arrastre un público moi voraz se despois imos ter que prescindir doutras propostas, igual máis pequenas, como orquestas, bandas ou grupos locais". Os dous consideran que "na variedade está a riqueza".
Pola súa banda Guido Álvarez, guía turístico na cidade, entende que Lugo "espera moito das festas do San Froilán" e, polo tanto, "que a intención de quen o organiza sempre vai ser boa". Descríbeo como "o maior encontro de artistas tradicionais galegos e artistas galegos en xeral de todo o calendario", un fito "moi destacable" que cre que se debera valorar máis.
"Non só iso", continúa, senón que "ademais vai acompañado de moitas actividades diarias, de todo tipo, que enchen cada vez máis puntos da cidade". "Non hai máis que ver como estan as rúas estes días, cheas de lucenses e xente de fóra", engade. Tamén cre que hai "moitas razóns para apostar polo local primeiro", unha delas "a sustentabilidade".
Os tres coinciden en que satisfacer os gustos de todos resulta imposible. "Na miña opinión é moi naif pensar que o principal concerto das festas patronais da túa cidade vai ser do grupo que a ti máis che gusta nese momento", reflexiona Nebra, que cre que o acerto á hora de programar está en "apostar pola variedade", por unha banda, e tamén por "fortalecer o tecido cultural movilizando as bandas locais e galegas". "En moitas ocasións trátase máis ben dunha opinión persoal que unha crítica realmente constructiva", conclúe.
Tamén opina Pablo del Valle que "aí está o problema, en que criticamos, pero non construímos". "Non hai músicas mellores ou peores", argumenta, "senón que hai gustos diferentes, pero que a min non me chamen a atención certos grupos dun cartel non me permite dicir que a programación sexa mala".
Concertos de pago
Hai persoas que aseguran estar dispostas a pagar unha entrada para poder desfrutar dun artista ou dun grupo con máis caché no marco das festas do San Froilán. Neste punto do debate, del Valle sinala que o que hai que valorar é se esta proposta vai na sintonía do que son unhas festas populares, que "deben ser abertas e accesibles a todo o mundo". Deste xeito, recorda, "pode quedar apartado unha parte da sociedade".




