Tameiga presenta o libro “O agromar da memoria”, que recupera un século de identidade
Preséntase este sábado 11 de outubro
Vigo
Promovido pola Comunidade de Montes de Tameiga baixo a coordinación de Lorena Pinheiro, de Pensatempos, o proxecto “Tameiga no tempo” comezou hai dous anos coma unha iniciativa de participación colectiva e fortalecemento dos vínculos veciñais, co obxectivo de recuperar a memoria da parroquia e plasmar nun libro todos os saberes, anécdotas e historias acontecidas en Tameiga no último século.
Logo de ano e medio de traballo, de reunións semanais, entrevistas, recollida de materiais e unhas 60 horas de conversas, este sábado 11, ás 18 horas, no CSCD As Pedriñas, a Comunidade de Montes presenta “Tameiga: O agromar da memoria”, unha publicación que preserva cen anos de identidade como pobo, de legado oral, a partir das voces, recordos e documentación de numerosas persoas –maioritariamente de idade avanzada– da parroquia.
Este sábado, quen acuda ás Pedriñas á presentación, ademais de poder facer cunha copia do libro, poderá gozar dunha tarde de emocións, música en directo, memoria colectiva e contacontos. E participarán tamén ás persoas protagonistas desta historia, as e os maiores que fixeron posible este libro.
Os temas incluídos nesta publicación versan sobre a toponimia tradicional, a escola, as festas, o monte e a igrexa, infraestruturas coma o aeroporto ou o tranvía, ademais doutros como a emigración, a industrialización, a guerra.
Este libro é a guinda dun proxecto comunitario que xa logrou recuperar tradicións. É o caso dos “Cantos de Reis”, unha tradición de Nadal esquecida que regresou hai dous anos ás casas da parroquia a partir das conversas programadas para a creación colectiva deste libro. Algunhas mulleres recordaban ir de nenas a cantar os Reis ás portas dos veciños, de casa en casa. Con esa semente, todo o equipo do proxecto púxose mans á obra para recuperalos, escribir música e letra que permitira rescatar unha tradición que se cría perdida. E conseguiuse.
Agora, este fermosa e emotiva iniciativa de recuperación e preservación da identidade colectiva do pobo e da parroquia conclúe coa presentación e edición de “Tameiga: O agromar da memoria”, un libro que recupera un século de saberes, anécdotas e historias para a posteridade.
O evento de presentación terá lugar no CSCD As Pedriñas este sábado, 11 de outubro, desde as 18 horas.
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro conformada por máis de 400 familias que xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal veciñal para conseguir beneficios medioambientais, sociais e económicos para a poboación. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custe. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os custes de produción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a Comunidade de Montes de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do Centro Sociocultural As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.