A Deputación compromete seu apoio para ampliar as dependencias de ASPADEX
Formoso entregou unha furgoneta para o transporte das persoas usuarias da asociación e supervisou o inicio das obras do campo de fútbol San Paio de Refoxos
Entrevista a Valentín Glez. Formoso (27/10/2025)
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse coa directiva da Asociación ASPADEX, onde fixo entrega dunha nova furgoneta para o transporte das persoas usuarias do centro ocupacional de Vilar de Toba.
A entidade, que traballa coa Deputación no ámbito dos Servizos Sociais, presta apoio a persoas con discapacidade intelectual da comarca, desenvolvendo programas de autonomía persoal, inserción laboral e benestar emocional.
Formoso destacou “o labor exemplar e de fondo social de ASPADEX, que leva décadas contribuíndo á inclusión e á igualdade de oportunidades na Costa da Morte”, e reafirmou o compromiso provincial “coas entidades sociais que melloran a vida das persoas e das súas familias”.
Dende a asociación solicitaron o apoio da Deputación para habilitar unha vivenda tutelada máis, Formoso asegurou que “a Deputación vai estar no apoio a ASPADEX para ampliar as súas dependencias”.
O presidente, xunto a alcaldesa de Cee Margarita Lamela, supervisaron o inicio das obras de reforma integral do complexo deportivo de San Paio de Refoxos, un proxecto no que se investirán 496.707,84 euros. A Deputación achega o 80% do orzamento (397.366,27 €) e o Concello o 20% restante con fondos propios.
A actuación permitirá modernizar por completo o recinto deportivo, cun novo campo de fútbol 7 de herba artificial, melloras na accesibilidade, no saneamento e na zona de aparcamento.
Formoso destacou que o proxecto “é un exemplo do compromiso da Deputación coa mellora das infraestruturas municipais e coa práctica deportiva en igualdade de condicións en todos os concellos da provincia”, subliñando que “permitirá que os clubes e a mocidade de Cee conten con instalacións seguras e modernas”.
Pola súa banda, a alcaldesa Margarita Lamela sinalou que se trata “dunha intervención moi esperada pola veciñanza e polos equipos locais”, e agradeceu o apoio da Deputación “por facer posible un proxecto que mellorará o deporte, a accesibilidade e a seguridade da zona”.
As obras inclúen tamén unha nova senda peonil, a mellora da estrada de acceso, a ampliación do aparcadoiro e a construción dunha nova rede de augas residuais conectada ao saneamento municipal.
A visita á Costa da Morte continuou en Carnota onde o presidente da Deputación acompañado do alcalde de Carnota, Moma Saborido, e a deputada de Emprego, Rosa Ana García, visitaron o Hotel Meiga do Mar, un dos negocios da localidade beneficiado polas axudas do PEL para contratación de persoal e para investimentos.
Por último e acompañado tamén pola deputada Mónica Rodríguez, achegaronse ao novo auditorio do Centro Cultural de O Viso, financiado pola Deputación coa intención de fortalecer a oferta cultura e dinamizar a vida social do municipio.