O CEIP Milladoiro recibe o I Premio Na lingua que eu falo, a “medalla de ouro” da Real Academia Galega ás iniciativas que promoven o galego na infancia
A Real Academia Galega recoñeceu o labor do colexio malpicán dentro do proxecto Primavera das Letras

Acto de entrega do premio A lingua que eu falo da RAG ao CEIP Milladoiro de Malpica / MONCHO FUENTES

O CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños recibiu o I Premio Na lingua que eu falo, un galardón creado pola Real Academia Galega para distinguir iniciativas que destacan pola promoción do galego entre a infancia. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, destacou que o colexio demostra que unha escola en galego é “posible, necesaria e desexable”, converténdose nun exemplo de espazo onde se reforza e se coida a lingua, fronte a casos de desgaleguización. O acto desenvolveuse no centro cívico de Malpica e contou coa participación do alumnado, as súas familias e representantes institucionais.
A importancia de educar en galego desde as raíces
Ana Seoane Cives, directora do CEIP Milladoiro, sinalou que “educar en galego é educar desde a raíz, transmitir valores e formar persoas conscientes da súa orixe e da súa capacidade para transformar o mundo desde o que son”. A educación en galego no centro é vista como unha ferramenta fundamental para conectar a realidade local coa global, fomentar o pensamento crítico e o diálogo, e promover o gozo compartido da cultura. A comunidade educativa do colexio, ademais, participa activamente en proxectos como o Dicionario malpicán, Radio Balea, DichoLeo, Galicómic, e outros que combinan o desenvolvemento cultural e a aprendizaxe lúdica.
Un recoñecemento para toda unha comarca
O Premio Na lingua que eu falo tamén recoñeceu o compromiso non só do profesorado e alumnado, senón tamén das familias e de toda a comarca de Bergantiños, onde se atopan as mellores taxas de transmisión interxeracional do galego en Galicia. A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Primavera das Letras, que apoia a Deputación da Coruña e está coordinado pola académica Fina Casalderrey, quen conducíu o acto acompañada do alumnado. A xornada completouse cunha visita ao colexio e unha celebración con actividades que reforzan o uso e o amor polo galego entre as novas xeracións, facendo honor ao verso que dá nome ao premio, extraído dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.




