Galaxia pecha un ano de aniversario épico en Vigo coa exposición "Crear Porvir"
Un ambicioso programa de celebracións polo 75 aniversario da Editorial Galaxia culmina na cidade olívica, tras percorrer toda a xeografía galega


Vigo
Vigo convértese no colofón das celebracións polo 75 aniversario da Editorial Galaxia (1950-2025) coa inauguración da exposición "CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA (1950-2025)". A mostra, que xa pasou polas outras seis cidades galegas, ábrese ao público o xoves 4 de decembro, ás 19:15 horas, na Sede de Afundación, onde permanecerá ata o 10 de xaneiro de 2026.
A chegada a Vigo pon o ramo a un ano cheo de iniciativas que subliñaron o papel fundamental da editorial na evolución cultural da Galicia contemporánea.
A exposición: un percorrido pola historia e o futuro
A mostra "CREAR PORVIR", comisariada polo catedrático e presidente da RAG, Henrique Monteagudo, xunto a Malores Villanueva Gesteira e Xosé Manuel Dasilva Fernández, percorre a traxectoria da editorial, dende a súa fundación en 1950 ata hoxe.
Destácase o labor de fundadores como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou Francisco Fernández del Riego, e autores clave como Castelao, Carlos Casares, Xohana Torres, Manuel Rivas, Domingo Villar ou Yolanda Castaño, entre máis de 1.500 autores que publicaron preto de 3.500 títulos.
A exposición artéllase en catro eixes: a literatura galega (do Rexurdimento ao novo milenio), o ensaio e o pensamento (con Grial como proxecto de referencia), a tradución e proxección internacional, e a literatura infantil e xuvenil.
O estudo Desoños concibiu un bosque de estruturas móbiles e un túnel do tempo para sinalar os fitos máis salientables da editorial.
Galaxia, recoñecida coa Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, consolídase como un proxecto esencial que aposta firmemente pola dignidade e a normalización da lingua e cultura galegas, investindo os seus beneficios na propia empresa.
Un ano de fervedoiro cultural
O 75 aniversario de Galaxia despregou un ambicioso programa de actividades, entre as que destacan:
- Foros de debate: Celebración dos foros da revista Grial baixo o título “Galicia 2050. Pensar cara adiante”.
- Campaña escolar: A campaña “A Biblioteca Galáctica contra a IA fantástica”, a cargo da compañía Tanxarina, que levou o teatro a máis de 23 localidades e na que participaron máis de 3.500 escolares.
- Documental e mostras: A estrea en Santiago dun documental dirixido por Ana Viqueira e Diego Frey e a organización da mostra “Galaxia-Auria. 75 anos despois 1950-2025” en Ourense.
- Novidades editoriais e premios:
- Lanzamento da Biblioteca 75, con 10 títulos senlleiros.
- Publicación de “Unha galaxia viguesa”, de Marcos Calveiro, para os centros de ensino de Vigo.
- Convocatoria do I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil, outorgado a Gabriel Romero de Ávila.
- Convocatoria extraordinaria do Premio Galaxia de Novela 75 anos, o de maior dotación económica, que gañou Fernando Castro Paredes con O lanzador de coitelos.




