Cee supera o millón de euros en vendas grazas ao programa MercaNaVila
O municipio foi o cuarto da provincia con maior volume de facturación dentro da campaña impulsada pola Deputación da Coruña

Concello de Cee

Cee
O concello de Cee situouse como o cuarto da provincia da Coruña con maior volume de vendas ao abeiro do programa MercaNaVila, tras mobilizar máis de un millón de euros no comercio local. Uns datos que confirman o impacto da iniciativa da Deputación da Coruña para dinamizar o consumo nos concellos de menos de 20.000 habitantes e apoiar o comercio de proximidade.
A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou este martes varios establecementos adheridos xunto coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela. García destacou o éxito dunha campaña que, no conxunto da provincia, xerou 16 millóns de euros en vendas, con máis de 93.000 bonos descargados e preto de 300.000 operacións. “MercaNaVila demostra que o comercio local responde cando conta co apoio decidido das administracións”, sinalou.
Pola súa banda, a alcaldesa subliñou a importancia deste tipo de programas para fortalecer a economía local, especialmente fóra das grandes cidades. Unha valoración compartida polos comerciantes, como Quique Castiñeira, propietario da tenda Dequip, que destacou a boa planificación da campaña e o seu impacto positivo en meses tradicionalmente baixos en vendas. Tras os resultados desta primeira edición, a Deputación confirmou que xa traballa nunha nova convocatoria de MercaNaVila para o ano 2026.




