O Centro de Día de Corcubión abrirá despois do verán
O alcalde asegurou que este ano poñerá en marcha o servizo en colaboración con entidades sociais, coa axuda da Xunta ou sen ela

Pleno Aberto con Xabier Dgez. "Drok" (07/01/2026)
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
O Concello de Corcubión prevé abrir o seu Centro de Día a mediados deste ano, despois de máis dunha década de espera. Así o anunciou Xabier Domínguez “Drok” no Pleno Aberto de Radio Nordés, unha entrevista na que o alcalde fixo balance das actuacións municipais e avanzou que a inauguración podería producirse tras o verán, se se completan os últimos traballos pendentes e se pechan os acordos necesarios para o seu funcionamento.
Segundo explicou, o edificio require unha intervención previa para poder abrir as súas portas. Entre as actuacións necesarias figuran a renovación do sistema de calefacción, a dotación de mobiliario, a posta en marcha dunha cociña e pequenas reparacións xerais. O investimento estimado rolda os 90.000 euros, unha cantidade para a que o Concello busca apoio doutras administracións, principalmente da Xunta de Galicia, sen descartar outras vías de financiamento.
O alcalde subliñou a importancia desta infraestrutura, considerada clave para atender as necesidades das persoas maiores e das súas familias, e lembrou que se trata dun compromiso no que o goberno local leva traballando intensamente durante toda a lexislatura.
Xunto a este anuncio, o rexedor fixo balance das obras executadas no 2025, cun investimento que supera os 400.000 euros. Destacan as melloras de eficiencia enerxética na Casa da Cultura, un edificio con máis de vinte anos, onde se renovou a iluminación, se instalarán bombas de calor e se modernizou o equipamento audiovisual grazas a unha subvención do GDR. Tamén se levaron a cabo actuacións no casco histórico, obras en camiños e melloras en zonas deportivas e educativas para resolver problemas de drenaxe e humidades.
Ademais, o Drok avanzou que 2026 será un ano clave para varios proxectos estratéxicos, entre eles a mellora do Paseo Marítimo, coa renovación do firme nun primeiro tramo e o impulso da unión dos paseos antes de que remate a lexislatura, así como o inicio da remodelación por fases da Praza Castelao, cun investimento previsto de máis de 250.000 euros. Tamén confirmou a continuidade do plan de peonalización e a tramitación do plan especial do casco histórico, que o goberno local espera aprobar definitivamente ao longo deste ano.
O alcalde de Corcubión recoñeceu que o acceso á vivenda é unha das principais preocupacións do municipio, o Concello mantén contactos coa Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia para estudar posibles actuacións en materia de vivenda social, tanto a través de solo municipal como da rehabilitación dalgún inmoble.
Outro dos ámbitos nos que se está a traballar é a colaboración coa Sareb, coa que o Concello mantén conversas para intentar dar uso aos terreos en mans da entidade bancaria en Quenxe.
O alcalde advertiu de que a proliferación das vivendas de uso turístico está a ter un impacto directo no mercado do alugueiro tradicional, encarecendo os prezos e reducindo a dispoñibilidade para residencia habitual. Actualmente, Corcubión conta con arredor de 150 vivendas turísticas rexistradas, o que obriga —segundo indicou— a reflexionar sobre medidas de regulación e compensación.
Xabier Domínguez volveu insistir na necesidade de aumentar as areas de colaboración supramunicipal, apostando pola cooperación entre concellos en servizos como a recollida do lixo ou a Policía Local.
Na conversa aboráronse outras temas, como o PXOM, o orzamento municipal, do que dixo irá ao pleno de marzo, ou o porto mixto. O alcalde contestou tamén as preguntas feitas polos voceiros da oposición.




