A nova planta de carbón vexetal de Dumbría permitirá reducir en 50.000 toneladas as emisións de gases de efecto invernadoiro
XEAL aproveita o acto de colocación da primera piedra para destacar o valor do seu equipo humano baixo o lema: “XEAL non deixa pegada, pero o seu equipo si”.

Acto de colocación da primeira pedra da pranta de carbón vexetal en Dumbría

XEAL celebrou este mércores en Dumbría o acto simbólico de colocación da primeira pedra da súa nova planta de carbón vexetal, unha infraestrutura que dende a empresa consideran clave para a súa estratexia de descarbonización e a aposta por unha industria máis sostible e competitiva. O evento contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do secretario de Estado de Industria, Jordi García Brustenga; e do embaixador da República Checa en España, Libor Sečka, ademais de representantes institucionais e directivos da empresa e do seu accionista, Energo-Pro.
A nova planta, que se localizará nas actuais instalacións de XEAL en Dumbría, suporá un investimento superior aos 28 millóns de euros e conta cun apoio de 8,7 millóns procedentes do PERTE de Descarbonización Industrial do Goberno de España. O Secretario de Estado Jordi García destacou a importancia de mellorar a competitividade do país nun momento de dúbidas a nivel global.
A instalación terá capacidade para producir entre 11.000 e 14.000 toneladas anuais de carbón vexetal, co obxectivo de substituír progresivamente o carbón fósil nos procesos produtivos e reducir en 50.000 toneladas as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á actividade industrial. As obras, nas que traballan unhas 60 persoas, empezaron a finais de decembro do 2025 e está previsto que rematen en xuño deste ano.
O acto afastouse do formato tradicional das primeiras pedras para poñer o foco nas persoas. En lugar dunha cápsula simbólica, presentáronse seis baldosas coas pegadas de traballadores e traballadoras de XEAL, que quedarán instaladas de forma permanente na entrada da futura planta. Un xesto co que a compañía quixo render homenaxe ao seu equipo humano baixo o lema do proxecto: “XEAL non deixa pegada, pero o seu equipo si”.
Durante a súa intervención, a CEO de XEAL, María Couto, destacou que a nova planta “é unha infraestrutura clave para garantir o futuro industrial da compañía en Galicia”, ao permitir transformar os procesos produtivos, avanzar cara a un modelo máis eficiente e reducir a pegada de carbono. Na mesma liña, o CEO de Energo-Pro, Jakub Fajfr, subliñou que se trata dun proxecto estratéxico que reforza a competitividade a longo prazo e exemplifica como a innovación tecnolóxica pode contribuír á descarbonización da industria pesada.
O proxecto foi declarado Proxecto Industrial Estratéxico pola Xunta de Galicia, unha figura que permite axilizar trámites para iniciativas con impacto económico, social e ambiental relevante. O presidente Alfonso Rueda salientou durante o acto que a futura planta representa “unha nova e ilusionante etapa” e un exemplo de como combinar tradición industrial e novas tecnoloxías respectando o medio ambiente, ao tempo que puxo en valor a cooperación entre administracións para atraer investimentos industriais estratéxicos á comunidade.
Rematado o acto, o presidente atendeu ás preguntas dos xornalistas sobre outros asuntos de actualidade, Rueda confirmou que a prolongación da autovía da Costa da Morte ata Berdoias dependerá do incremento do número de vehículos que a utilicen.




