Tecelás da Terra: un proxecto comunitario desde Betanzos para recuperar a memoria, as sementes e os saberes das mulleres do agro
A iniciativa vén de recibir o Recoñecemento Luísa Villalta da Deputación da Coruña, un premio que pon en valor o seu impacto social, cultural e feminista

Tecelás da Terra: Tania Merelas e Raquel Veiga
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Desde Betanzos xorde Tecelás da Terra, un proxecto comunitario cunha forte vontade de recuperación da memoria colectiva e dos saberes tradicionais ligados ao agro, especialmente aqueles desenvolvidos historicamente polas mulleres. A iniciativa vén de recibir o Recoñecemento Luísa Villalta da Deputación da Coruña, un premio que pon en valor o seu impacto social, cultural e feminista.
No programa achegámonos a este proxecto da man de Tania Merelas e Raquel Veiga, as súas impulsoras, acompañadas por Noelia Darriba, as tres están detrás desta proposta que tece territorio, coidados e biodiversidade.
Que é Tecelás da Terra?
Tecelás da Terra é un proxecto cunha clara vocación comunitaria, centrado na recuperación da memoria e dos saberes tradicionais que as mulleres desenvolveron ao longo do tempo, moitas veces vencellados ao traballo no agro. Mulleres que foron —e seguen sendo— custodiadoras de sementes, garantindo a conservación das variedades autóctonas e da biodiversidade.
Mais as sementes non se entenden unicamente como un produto agrícola. Tal e como explica Tania Merellas, esas sementes tamén se transformaban en alimento, coidados e espazos compartidos, xerando comunidade, afectos e cultura. O proxecto traballa así unha dobre vertente: a material, ligada á terra e ao campo, e a simbólica, relacionada co coidado do territorio e da vida.
Círculos de sementadoras e bibliotecas de sementes
Un dos piares fundamentais de Tecelás da Terra son os círculos de sementadoras, espazos formativos e de encontro nos que as mulleres participantes comparten coñecementos, experiencias e memoria oral. Nestes círculos recupéranse prácticas tradicionais, intercámbianse sementes e ponse en valor o traballo de coidados, tantas veces invisibilizado.
Un dos elementos máis innovadores do proxecto é a creación de bibliotecas de sementes en bibliotecas municipais. A proposta busca que estes espazos culturais non só sexan lugares onde se prestan libros, senón tamén puntos de intercambio e conservación de sementes, facendo visibles os saberes das mulleres e conectándoos coa comunidade.
Feminismo, territorio e saber popular
O recoñecemento da Deputación da Coruña destaca a importancia de poñer no centro ás mulleres como gardadoras de coñecemento, cultura, afectos e narrativas do territorio. Tecelás da Terra aborda cuestións clave como os feminismos, a agroecoloxía, a memoria histórica e a transmisión interxeracional dos saberes.
O proxecto desenvólvese en concellos como Betanzos, Mañón e Cedeira, coa esperanza de que en cada un deles se poidan recoller toponimias, relatos e tradicións que non deben perderse. A intención é que Tecelás da Terra sexa un proxecto vivo, que se manteña no tempo e que inclúa tanto ás comunidades locais como ás novas xeracións e ás persoas que chegan de fóra.
Un proxecto que nace para medrar
Desde Betanzos, Tecelás da Terra aspira a espallarse a outros territorios, sementando comunidade, memoria e futuro. Un exemplo de como o rural é tamén un espazo de innovación social e cultural.
Porque coidar as sementes é, en realidade, coidar a vida, a memoria e a identidade colectiva.




