Luz verde inicial á ampliación do parque empresarial da Laracha cun investimento de 16,63 millóns de euros
O proxecto, financiado integramente por SEA, permitirá superar o millón de metros cadrados de chan industrial


O Diario Oficial de Galicia publicou a aprobación inicial do plan de ampliación do parque empresarial da Laracha. A partir de agora ábrese un período de información pública de vinte días hábiles e, unha vez rematado, o documento someterase á aprobación definitiva. Superado este paso, iniciarase a redacción dos proxectos de urbanización, expropiación e reparcelación necesarios para a súa execución.
A actuación suporá un investimento total de 16,63 millóns de euros, financiado integramente por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), entidade dependente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. A ampliación desenvolverase sobre unha superficie de 338.629 m2, o que permitirá que o parque empresarial da Laracha supere o millón. O proxecto executarase nunha única fase, en terreos próximos ao polígono actual, entre os lugares da Torre e Samiráns, e contará con novas infraestruturas e servizos.
A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, destacou que a ampliación do parque empresarial da Laracha “é unha investimento estratéxica para seguir xerando solo industrial de calidade, atraer empresas e crear emprego”. Segundo indicou, este polígono converterase nun dos máis relevantes de Galicia pola súa localización, infraestruturas, extensión e o potencial para xerar oportunidades económicas e laborais.
O parque empresarial da Laracha continúa rexistrando novas operacións. O pasado 12 de decembro, SEA formalizou a venda de parcelas ás empresas Attrezatura Deporte e Lecer e Manuel Zas Ares Industrias Cee, que ocuparán máis de 1.000 metros cadrados do polígono. Ademais, a finais de 2025, un clúster empresarial vinculado ao vehículo industrial reservou espazo para unha posible implantación na ampliación, un proxecto que podería supor unha inversión de gran envergadura e a creación de arredor de 600 postos de traballo, ocupando unha parte significativa do novo solo industrial.




