Poio autoriza e regula a pesca deportiva nos portos de Combarro, Raxó e Campelo
Concello e Portos de Galicia asinan un convenio para autorizar e regular a pesca deportiva que habilita zonas específicas en cada un dos portos


O alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para autorizar e regular a práctica da pesca deportiva e de lecer nos portos de Poio.
O acordo habilita zonas específicas en cada un dos portos, perfectamente delimitadas e sometidas a control, tendo en conta que a actividade portuaria cesa en determinados días e franxas horarias —especialmente en fins de semana e festivos—.
A aplicación dun control específico nos períodos de menor actividade permitirá compatibilizar a práctica da pesca deportiva coa actividade profesional, que sempre terá prioridade.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes cualificou a xornada como “un día de ledicia, non xa polo material nin polo económico, que neste caso este convenio non ten ese valor económico, senón porque damos resposta a unha demanda de distintos colectivos”.
O alcalde amosou o seu agradecemento a Portos de Galicia pola súa capacidade para escoitar e entender que a pesca deportiva tiña unha demanda real no municipio, así como á colaboración e disposición dos patróns maiores das confrarías de pescadores, e de xeito especial ao patrón maior da Confraría de San Gregorio de Raxó, Iago Tomé.
Para facer efectiva esta autorización, resulta imprescindible a colaboración do Concello de Poio, que asumirá tarefas de apoio no control e vixilancia das zonas habilitadas, co obxectivo de garantir unha convivencia axeitada entre o sector profesional e a pesca recreativa e o cumprimento estrito da normativa vixente.
Quedan expresamente excluídas da autorización as zonas de cantís dos peiraos destinados ao atraque de embarcacións, as áreas de operativa de maquinaria e os ámbitos de actividade de grúas, travelift e demais espazos vinculados directamente ao funcionamento portuario.
Desde o Concello salientan que este acordo supón un paso importante para poñer en valor o litoral de Poio e fomentar actividades de lecer saudables, reforzando ao mesmo tempo a colaboración institucional con Portos de Galicia en beneficio da veciñanza.

Ramón Mella
(Pontevedra, 1973) Locutor, redactor y jefe de informativos y deportes en Radio Pontevedra. Máster en...




