Jorge Bustos: “O CESA situaría a Lugo no epicentro do voleibol base estatal e atraería preto de 3.000 persoas”
O concelleiro de Deportes detallou en SER Deportivos Lugo o impacto, a loxística e os pasos pendentes para que o Campionato de España de Seleccións Autonómicas se celebre na cidade o vindeiro xuño
Entrevista a Jorge Bustos sobre a posible chegada do CESA a Lugo en 2026 (26/02/2026)
Lugo
A posible chegada a Lugo do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de voleibol base xa fora avanzada esta semana, pero foi este xoves cando o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, afondou nos detalles nunha entrevista en SER Deportivos Lugo, poñendo cifras e contexto a unha candidatura que pode situar a cidade no centro do voleibol nacional.
Durante a conversa, Bustos explicou que o CESA é “a proba raíña do deporte base” nesta disciplina. O evento reuniría 76 equipos das 17 comunidades autónomas, arredor de 950 xogadores e xogadoras, máis de 200 técnicos e preto de 40 árbitros. A esta cifra hai que sumar familiares e acompañantes, o que podería elevar o número total de persoas desprazadas a Lugo ata case 3.000 na última semana de xuño.
Impacto deportivo e económico
O edil destacou que, máis alá da relevancia deportiva, o campionato suporía un importante impacto económico, estimado en máis dun millón de euros, cun efecto directo na hostalaría, no comercio e no sector servizos. Ademais, subliñou que situaría Lugo como epicentro do voleibol base estatal durante varios días.
Na entrevista tamén fixo fincapé en que a candidatura non xorde de maneira improvisada. Segundo explicou, Lugo leva anos acollendo concentracións de seleccións nacionais e competicións de ámbito estatal, o que permitiu demostrar capacidade organizativa e solvencia técnica.
Instalacións e capacidade hoteleira
Un dos aspectos chave, segundo relatou Bustos na SER, foi a capacidade hoteleira da cidade. A sede inicialmente prevista non puido asumir o volume de participantes, e foi entón cando a Federación Galega contactou co Concello para valorar a opción de Lugo.
En canto ás instalacións, o Pavillón Municipal, que acollería as finai, a Casa do Deporte e o Polideportivo do Palomar serían algunhas das sedes previstas para dar cabida aos máis de 140 encontros que se disputarían en catro xornadas.
Más información
Á espera da decisión final
Bustos explicou que agora só resta o visto bo definitivo da Federación Española para que a designación sexa oficial. De confirmarse, Lugo reforzaría a súa posición como cidade capaz de organizar eventos deportivos de gran formato e consolidaría o traballo desenvolto nos últimos anos no ámbito do deporte base.
A entrevista completa está dispoñible no podcast de SER Deportivos Lugo