SER na escola visita o CEIP O Couto
Este proxecto leva a emisión radiofónica aos centros da provincia

SER na escola CEIP O Couto
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Nova edición do proxecto SER na escola de Radio Ourense Cadena SER. Nesta ocasión, o Hoy por Hoy Ourense emitiuse en directo dende o CEIP O Couto da cidade cunha programación e contidos especiais, centrados na actividade do centro e coa participación da comunidade escolar.
O espazo xirou ao redor da realidade do colexio, contando coas intervencións de varios mestres e mestras. A directora, María Pérez Laso, e a xefa de estudios, Lali Armada, falaron dos programas de integración neste centro multicultural e das moitas iniciativas que levan a cabo durante o curso. Ana Belén Pérez, mestra do centro, centrouse no proxecto “Na beira do mar” e nas actividades da biblioteca, como os clubs de lectura, mentres Milagros Vázquez, tamén profesora, afondou na radio escolar.
Sobre o programa de altas capacidades, o Couto Fest ou o proxecto Consumópolis informou a docente Patricia López, que tamén é a responsable do grupo de pandeireteiras Loureiro, ás que puidemos escoitar ao longo desta edición de SER na escola. Tamén coñecemos máis sobre o campionato Supertematik, de matemáticas e inglés, da man de Ricardo Rodríguez, no que levan participando varios anos e no que o alumnado acadou postos destacados a nivel mundial. En canto aos programas de habilidades sociais ou a aula multisensorial, Paula Carrero foi a encargada de darnos máis información.
Contamos tamén coa participación no programa de Carmen Varela, tesoureira da Asociación Loureiro, entidade que impulsa numerosas iniciativas no barrio e que colabora habitualmente co centro; Camilo Dash, grafiteiro que deixou a súa pegada artística nos muros do colexio; Noelia Luque, coordinadora da Asociación Dano Cerebral Adquirido do barrio do Couto; e a intervención do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.
A cativada tivo un protagonismo destacado ao longo deste SER na escola, como foi o caso dun grupo de nenos e nenas de infantil, que participaron recentemente nunha actividade na que elaboraron pan e quixeron compartir as súas vivencias cos nosos oíntes. Tamén varias alumnas contaron a súa experiencia como mediadoras en conflitos escolares ou sobre a súa participación nos clubs de lectura.
SER na escola é un programa de Radio Ourense Cadena SER leva a radio en directo aos centros da provincia grazas á colaboración da Xunta de Galicia. Con el, o alumnado descobre a realidade radiofónica dende dentro, sendo partícipe da emisión dun programa en directo e facendo achegas aos seus contidos.




