Carballo acolle este xoves a saída da terceira etapa de O Gran Camiño
Bergantiños convértese en escaparate do ciclismo profesional galego cunha etapa de 173 quilómetros con final en Padrón e máis de 2.400 metros de desnivel acumulado
Carballo prepárase para vivir unha das citas deportivas máis destacadas do seu calendario. Este xoves 16 de abril, a capital bergantiñá será o punto de partida da terceira etapa da proba ciclista profesional O Gran Camiño, un dos eventos de referencia do ciclismo galego. O centro urbano converterase dende primeira hora da mañá nun escenario de alto nivel, con corredores, equipos e caravana publicitaria tomando as súas rúas.
A etapa afronta un trazado de 173 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 2.453 metros. O pelotón abandonará Carballo en dirección a Coristanco, atravesando concellos como Santa Comba, Noia, O Porto do Son e Ribeira. Antes de chegar á meta, os corredores deberán superar o Pico Muralla, de segunda categoría, e o Alto de Formarís. A histórica vila de Padrón acollerá a chegada final da xornada.
A actividade en Carballo comezará ás 11:00 horas, cando os ciclistas iniciarán o desprazamento dende a zona de equipos, situada na Rúa Pontevedra e Vázquez de Parga, cara á Praza do Concello para o control de firmas e a presentación oficial. Ás 12:45 horas producirase o despregue do dispositivo de seguridade e a saída da caravana publicitaria. A saída oficial dos corredores está prevista para as 13:15 horas, con percorrido urbano polas rúas Colón, Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga e Fomento.
Para garantir o bo desenvolvemento da proba, o Concello activará un dispositivo especial de tráfico. Haberá cortes intermitentes nas rúas Vázquez de Parga e Valle Inclán dende as 11:00 horas, e esta última permanecerá pechada ao tráfico de forma definitiva a partir das 13:00 horas. Nas rúas Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Pontevedra e Cervantes non estará permitido o aparcamento por ser zonas reservadas para os vehículos da organización. O Concello estima que a circulación voltará á normalidade arredor das 13:30 horas. A institución municipal convida á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Praza do Concello para animar aos corredores antes do inicio da etapa.
En Coristanco tamén haberá cortes puntuais nas estradas AC-552 e DP-2904, segundo informa o concello, o corte será breve, só o tempo que tarde en pasar o pelotón.
Recomendan que se evite circular por estas zonas nos horarios da carreira e siguir en todo momento as indicacións dos axentes da Garda Civil, Protección Civil e Policía Local que participarán neste operativo.