Investigadas dúas menores de Carballo por agredir e gravar a un compañeiro á saída do colexio
Están acusadas de instigar a agresión e de difundir as imaxes por internet, o terceiro implicado é ininputable penalmente ao ser menor de 14 anos

Un coche de la Guardia Civil en una foto de archivo. Juan Moreno - Europa Press / Juan Moreno - Europa Press

A Garda Civil do Posto Principal de Carballo investiga dúas menores de idade como presuntas coautoras dun delito de lesións e outro de trato degradante. Os feitos remóntanse ao 11 de marzo, cando un menor foi agredido á saída do centro escolar no que cursan os seus estudos. A denuncia foi interposta nas dependencias da Garda Civil de Carballo, que iniciou de inmediato unha investigación para constatar a veracidade dos feitos.
No transcurso das xestións, os axentes puideron corroborar que na agresión participaron tres menores. Un deles foi quen golpeou directamente á vítima, mais ao ter menos de catorce anos resulta inimputable penalmente. As outras dúas, as agora investigadas, instigaron de forma activa e persistente ao agresor para que continuase coa súa acción, mentres gravaban o suceso e difundían posteriormente as imaxes a través dunha aplicación de mensaxería instantánea.
Tras identificar ás presuntas responsables, a Garda Civil procedeu á súa investigación como coautoras dun delito de lesións e doutro de trato degradante. A institución recorda que, aínda que a idade mínima para a responsabilidade penal en España son os catorce anos, iso non exime dunha posible responsabilidade civil, cuxo importe recaería sobre os titores legais das menores.
A Garda Civil subliña ademais que a gravación e difusión de vídeos sen autorización pode constituír, por si soa, unha infracción autónoma da Lei de Protección de Datos, con independencia das outras responsabilidades derivadas dos feitos.




