Laxe abrirá en setembro o Punto de Atención á Infancia con 20 prazas, tras anos de atrasos
Paco Charlín falou en Radio Nordés doutros temas da actualidade municipal, destacou as obras de saneamento, confirmou que espera licitar o SAF en breve e que levará ao próximo pleno o orzamento 2026
Pleno Aberto co alcalde de Laxe, Paco Charlín (15/04/2026)
O alcalde de Laxe, Paco Charlín, anunciou no Pleno Aberto de Radio Nordés que o Punto de Atención á Infancia (PAI) podería abrir no vindeiro mes de setembro, tras anos de atrasos. O servizo, dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos, contará con 20 prazas e un horario de 9:00 a 13:30 horas. Segundo explicou, o centro xa dispón de autorización da Xunta de Galicia, está inscrito no rexistro correspondente e foi equipado con todo o material necesario. O Concello agarda agora poder licitar a súa xestión para iniciar a actividade e facilitar a conciliación das familias.
Durante a entrevista, Charlín tamén puxo o foco nun dos principais problemas que afectan ao municipio e á contorna: os reiterados cortes de internet e telefonía desde o pasado mes de novembro. Segundo indicou, estes fallos producíronse xa en máis dunha ducia de ocasións, afectando a servizos básicos, negocios, teletraballo e mesmo ao funcionamento do centro de saúde. O alcalde confirmou contactos coa Delegación do Goberno e coa Xunta, e avanzou unha próxima reunión con responsables de AMTEGA e da empresa para buscar solucións a unha situación que cualificou de “inaceptable”.
En materia de infraestruturas, destacou as actuacións en marcha para mellorar o saneamento, especialmente no núcleo urbano e no rural. O Concello está a executar obras para separar augas pluviais e fecais en distintas zonas, co obxectivo de evitar inundacións como as que se producían na avenida Cesáreo Pondal ou na contorna da praza Ramón Juega. Ademais, avanzou novos proxectos para zonas con problemas de acumulación de auga e lembrou investimentos recentes de arredor de 450.000 euros e máis de 5.500 metros de rede instalados en parroquias.
Outro dos asuntos abordados foi a situación dos servizos sociais. O servizo de axuda no fogar atende actualmente a máis dun cento de usuarios e o Concello prevé licitar un novo contrato por catro anos, cun incremento do custo por hora. Charlín recoñeceu que se trata dun servizo esencial que require maior financiamento, mentres que tamén apuntou á existencia de dúas casas do maior no municipio, case completas, e á posibilidade de ampliar este tipo de recursos no futuro.
No ámbito urbanístico e ambiental, o alcalde referiuse ao proxecto de reapertura da mina de caolín, que xerou preocupación entre a veciñanza pola súa proximidade ás vivendas e polos posibles impactos. Tras manter reunións con residentes e co director xeral de Minas, valorou positivamente que a tramitación ambiental pase a ser ordinaria, ao considerala máis esixente e garantista. Tamén mencionou a posibilidade de poñer en valor espazos vinculados á antiga actividade mineira, aínda pendentes de resolver cuestións urbanísticas.
Entre outros asuntos, a entrevista abordou ademais outros temas como a mobilidade e o tráfico, especialmente no verán, cando aumenta a afluencia de visitantes. Segundo indicou Charlín, o Concello mantén unha situación financeira estable, cun remanente positivo e prazos de pago a provedores de arredor de 15 días. O orzamento en preparación situaríase entre os 2,3 e os 2,5 millóns de euros, sen previsión de novas subas de taxas a curto prazo.