A Costa da Morte xa está a pleno rendemento
Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, reflexionan en Radio Nordés

Muxía, co Parador de Turismo, é unha das referencias turísticas da bisbarra / Enrique Díaz / 7cero

Costa da Morte
Se hai anos había que agardar á segunda quincena de xullo para que o turismo na bisbarra comenzase a ferver, agora dende o arranque do mes xa se percibe un movemento inusitado na comarca. Xosé Manuel Merelles, novo director de Turismo de Galicia manifestaba hoxe nos micrófonos de Radio Nordés a súa satisfacción cuns datos "espectaculares, cunha ocupación do 96%" Unha ledicia que non está exenta de autocrítica, poñendo o acento nalgún factor a correxir. "Hai un 25% de estranxeiros, aí hai marxe para mellorar" recoñecía.
Para o director de Turismo de Galicia "a Costa da Morte ten uns recursos naturais espectaculares: Rede Natura, espazos protexidos, Camiño de Santiago, praias, montaña...2 o que a convirte nunha "das ofertas máis ricas de Galicia". Froito dese bo cartel, a bisbarra estase a convertir nun destino prioritario nestas datas. A chegada de turistas debe compaxinarse con "apostar pola sostibilidade" Unha cautela coa que coincide o Vicepresidente da Deputación e deputados de turismo en funcións, Xosé Regueira. "Hai que traballar nun turismo o máis rendible posibel. Que a xente que veña busque a excelencia. Temos un turismo cada vez de máis calidade e temos un territorio inmellorable" afirmaba Regueira. As cifras falan as claras do crecemento experimentado no sector nestes últimos anos. "Hai 1500 establecementos na Costa da Morte que ofrecen 15.000 prazas, é o quinto lugar de Galicia, cunhas 9 prazas hoteleiras por cada 100 habitantes" analizaba Merelles.
Para trazar as mellores estratexias é prioritario medir o retorno. Para Xosé Regueira "os datos cuantitiativos obtémolos fácilmente pero hai que ver a xeración de emprego, o gasto das administarcións públicas para absorber ese turismo". Por iso, para evitar que a turística sexa unha actividade socialmente deficitaria, Regueira aposta por atraer "un turismo máis equilibrado no plano da calidade que na cantidade". Por agora o impacto dos visitantes non deixa excesiva pegada no territorio salvo en momentos puntuais. "Hai capacidade de carga sobre o territorio pero hai sitios concretos onde esa carga se resinte como o centro histórico de Compostela ou o Cabo Fisterra".
Precisamente o Cabo Fisterra está a ser noticia debido ao comportamento incívico dalgúns visitantes que abandonan alí roupa, calzado e obxectos de todo tipo. Para o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, "o costume nace dun rito inventado e afea o Camiño e o final en Fisterra. Habería que facer unha campaña de concienciación e estar moi enriba alí para que iso non se faga. Tolerancia cero. A alcaldesa ten toda a nosa colaboración para erradicar isto". Algo no que incide Xosé Regueira que aposta por lembrar que non todo vale. "Hai prácticas que perxudican ao sector, ao emprego e poñen o foco sobre o turismo como unha actividade mala e non o é" reflexiona o vicepresidente da Deputación.




