'María Visitación Consolación Amadora': soben ás táboas as vidas e os nomes das costureiras da Ulloa
A compañía teatral Loia Producións debuta coa memoria das mulleres do téxtil dentro do proxecto 'Corcosendo'
Aida Cobas: "Queriamos que as mulleres que nos prestaron as súas historias de vida puidesen verse na obra"
09:04
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1730297975956/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>
Lugo
Un libro, unha exposición, unha homenaxe pública e mesmo unha obra de teatro. A memoria das costureiras da Ulloa recóllese no proxecto 'Corcosendo', unha iniciativa a cargo do Instituto de Estudos Ulloáns que rende tributo á historia destas mulleres dende unha perspectiva multidisciplinar. Este xoves ás 20:30 estréase en Lugo a súa vertente sobre as táboas.
Más información
E é que o Gustavo Freire acolle 'María Visitación Consolación Amadora', a obra coa que debuta a compañía Loia Producións, da man da actriz Aida Cobas. A intérprete estará acompañada en escea de Miguel Varela e Clara Tallón, e, dende as butacas, de Paloma Lugilde, a encargada da dramaturxia e da dirección.
O texto parte do conxunto de entrevistas a costureiras que realizaron as compoñentes da sección de audiovisuais do Instituto de Estudos Ulloáns no proceso de creación e documentación de 'Corcosendo'. A obra consegue xuntar as pezas do crebacabezas nunha única narración: "Foi un traballazo, a verdade, conseguir darlle forma a todo iso sen que fosen historias independentes", explica Aida Cobas.
Deceas de persoas colaboran no proxecto de 'Corcosendo'. No caso de Cobas, a el únea a historia persoal de súa avoa, unha das costureiras da Ulloa. Pero, alén do familiar, a intérprete de Palas de Rei teno claro: "Queriamos render homenaxe a esa figura que son as costureiras porque tamén consideramos que fan parte do noso patrimonio", indica.
No transcurso da función os espectadores asisten á representación de momentos chave da historia de vida de varias mulleres, coma nunha sorte de combinado interdimensional, se ben a persoaxe principal non cambia. Neste sentido, incluso o título da obra ten truco: "Realmente é o nome da miña bisavoa, pero gustábanos xogar con iso de que é o nome de varias mulleres, e pásalle á protagonista, que chega a crer que é varias mulleres nunha", confesa a actriz.
A historia bebe en abundancia da situación das costureiras a mediados do século pasado, nos anos '50 e '60. "Tamén nos viñemos un pouquiño máis a todo o que foron as cooperativas e mesmo á actualidade, a que está pasando coa industria da moda, á nosa forma de consumir...", sinala Cobas.
Con 'María Visitación Consolación Amadora' a actriz inaugura a súa compañía, Loia Producións. Trátase dunha iniciativa que nace no rural, en Palas de Rei, para demostrar que as propostas culturais e, en concreto, teatrais, tamén se demandan nestas zonas do territorio.
O proxecto de Cobas, amais, nace cunha vocación clara: "Querer contar esas historias de mulleres que non foron escoitadas", segundo afirma. Historias coma as de tódalas María Visitación Consolación Amadoras que houbo.