A Xunta autoriza 73 novas vivendas de promoción pública en Carballo
A iniciativa enmárcase na estratexia da Xunta para incrementar o parque público de vivenda, o concello cede a parcela para a construción


O concello de Carballo acollerá un novo proxecto de 73 vivendas de promoción pública (VPP) na rúa Médico JM Lado, segundo acordou o Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue. O contrato de redacción do proxecto básico, de execución e dirección de obra será adxudicado á UTE AM2 – RYR, cun investimento de 429.550 euros. Trátase dunha das actuacións máis relevantes da comarca no ámbito residencial, que permitirá ampliar a oferta de vivenda protexida e dar resposta á crecente demanda de fogares asequibles no municipio.
A promoción realizarase nunha parcela cedida polo concello de Carballo e que está valorada en 761.182 euros. o edifício contará con planta baixa, tres andares e posibilidade de aproveitamento baixo cuberta.
A iniciativa enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia para incrementar o parque público de vivenda, con especial atención ás zonas urbanas e vilas de tamaño medio, onde o acceso á vivenda se converte nun reto crecente. Fontes da Consellería explican que estes proxectos supoñen un paso máis no compromiso de duplicar o número de vivendas públicas ata acadar as 8.000 na presente lexislatura, das cales preto de 3.000 xa están en diferentes fases de execución. Ademais do impacto social, o proxecto carballés terá tamén un efecto económico positivo, xerando actividade no sector da construción e reforzando o tecido urbano da localidade.
Xunto coas actuacións previstas en Carballo, Vipugal autorizou tamén a adxudicación de proxectos en Lugo, Ferrol e Ames, que suman en total 378 novas vivendas.




